Texto íntegro, incorpora as pasaxes eliminadas pola censura na edición de 1970.
A fuxida do Bocas pola Auria máis marxinal na novela que cambiou a narrativa galega. A esmorga é a obra máis popular e lida de Eduardo Blanco Amor. Tivo que publicarse por vez primeira en Bos Aires ante a negativa da censura franquista a permitir que circulasen libremente as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria coa que Blanco Amor reelaborou desde a distancia o seu Ourense natal.
A esmorga é unha novela na que alcanzan especial brillo as virtudes de Blanco Amor como escritor. A súa sorprendente potencia lingüística ponse neste relato ao servizo da narración duns feitos que desembocan en traxedia e que metaforizan un mundo sórdido e miserento do que non están exentos a imaxinación, a fantasía e o devezo dunha vida fermosa e mellor.

(Ourense 1897-Vigo 1979). A produción literaria de Blanco Amor comezou coa publicación de Romances Galegos (1928). A principios dos anos trinta entra en contacto con Castelao e con outros membros do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Escribe Poema en catro tempos (1931) e desde Bos Aires colabora coa revista Nós.
Foi ademais o fundador e director do Teatro Popular Galego (1957). Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que será nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega, e xa en Galicia leva ao prelo Os biosbardos (1962). Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para títeres e Teatro pra a xente).