Revista

Grial

Últimos números publicados

Grial 243. Do caos á concordia. O desafío da convivencia
GRIAL 243
13.50 €
Grial 242
GRIAL 242
13.50 €
Grial 241. Luísa Villalta. A poeta da Cidade Alta
cuberta 179
13.50 €
Grial 240
GRIAL 240
13.50 €

Historia da Revista Grial

A revista Grial tivo o seu antecedente na Colección Grial, que iniciou a súa andaina ao tempo que a Editorial Galaxia. En 1951 apareceu o primeiro caderno dos catro que se chegarían a publicar. Cando Juan Aparicio foi nomeado Director Xeral de Prensa (no diario Pueblo xa escribira un duro ataque contra os cadernos), unha das primeiras medidas que tomou foi prohibir a colección.

A partir de 1963, coa promulgación da Lei de prensa e imprenta, e baixo a constante ameaza de expedientes administrativos e xudiciais, inicia os corenta anos ininterrompidos de contacto permanente con lectores e subscritores. Dirixida por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, tiña por obxectivos servir de canle á produción cultural galega e ser testemuña da súa existencia autónoma, tanto fóra como dentro de Galicia, erixíndose como un espazo de comunicación entre a cultura galega e as culturas do mundo.

Ademais, pretendía servir de ponte entre as vellas xeracións do galeguismo e a mocidade que se incorporaba, coas dificultades propias da época, ao discurso cultural galeguista. Naqueles tempos formaban o seu consello de redacción: Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell, Celestino Fernández de la Vega, Xosé Manuel López Nogueira, Marino Dónega Rozas, Camilo González Suárez-Llanos, Basilio Losada Castro e Ricardo García Suárez.

De 1989 en diante

En 1989 Carlos Casares asume a dirección da revista e dun novo consello de redacción, do que formaban parte Xan Bouzada, Xavier Castro, Carlos Fernández, Gustavo Adolfo Garrido, Modesto López Bouzas, Henrique Monteagudo, Manuel Rodríguez Álvarez e Damián Villalaín, facéndose cargo da secretaría de redacción Xosé M. Soutullo. O seu obxectivo de ser un vehículo de modernización da cultura galega e diálogo coa cultura universal adquire un novo sentido, acorde co seu tempo. A revista ábrese a novos temas da cultura contemporánea: a arquitectura, a filosofía, a socioloxía ou a ciencia, por citar só algúns, tiveron acollida nas súas páxinas.

No ano 2003, a raíz do falecemento de Carlos Casares, inaugúrase unha terceira xeira. Cunha dirección compartida por Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, a continuidade na secretaría de redacción de Xosé M. Soutullo e un novo consello de redacción, formado por Xosé María Álvarez Cáccamo, David Barro, Xan Bouzada, Domingo Docampo, Carlos Fernández, Uxío Labarta, Carlos Lema, Alberto Meixide, César Portela, Andrés Torres Queiruga, Dolores Vilavedra e Ramón Villares, e un novo deseño, Grial segue propoñendo o modelo dunha cultura aberta e plural, en diálogo coas culturas contemporáneas, na lingua que simboliza a nosa identidade, ao servizo de Galicia, instalada nas realidades do seu tempo, dos seus desafíos e preocupacións, e respondendo aos retos que unha cultura viva, dinámica e moderna debe asumir.

Co inicio de 2020, e a partir do número 226, o consello de redacción renóvase nunha nova xeira. A responsabilidade de pilotar a revista como director recae en Henrique Monteagudo, acompañado de Francisco Castro como editor e de Xesús Domínguez Dono como secretario de redacción, e ao que van achegar ideas, ilusións e esforzos Carlos Lema, María López Sández, Inma López Silva, Grial Parga e Álex Alonso Nogueira, que completan o elenco, e que conta co apoio dun consello asesor en que estarán: Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Uxío Labarta, Agar Ledo, Jorge Mira, Xosé M. Soutullo, Dolores Vilavedra e Ramón Villares.

A partir do número 241 (2024), o consello de redacción, baixo a dirección de Henrique Monteagudo, e con Xesús Domínguez Dono, en calidade de secretario de redacción, queda composto por: Álex Alonso Nogueira, Xosé Manuel Dasilva, Agar Ledo, María López Sández, Grial Parga e Llerena Perozo Porteiro, co apoio do consello asesor formado por Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Uxío Labarta, Jorge Mira, Xosé M. Soutullo, Dolores Vilavedr, Miro Villar e Ramón Villares.

A revista GRIAL é unha realidade con décadas de vida grazas ao compromiso desinteresado de Editorial Galaxia e á entrega do equipo que a fai. Un dos empeños fundacionais da revista é contribuír a vivificar unha esfera civil en que a nosa cultura respire, medre e se espalle. Co apoio dos nosos lectores, coa colaboración das persoas que nos ofrecen os produtos máis valiosos do seu enxeño, das súas cavilacións, dos seus soños, co traballo de todo o equipo de redacción da revista e da editorial Galaxia, tentaremos seguir contribuíndo a construír unha cultura galega autoconsciente, aberta, vibrante, ansiosa de futuro.

Subscrición a Grial

Se o desexa, neste apartado pode formalizar a súa subscrición anual 2024 (catro números).

PARA ESPAÑA : 45,90 euros
EUROPA: 79,50 euros
AMÉRICA E O RESTO DO MUNDO: 132,50 euros

A REVISTA GRIAL NA REDE

Pomos a disposición dos interesados da nosa cultura, en formato PDF os 156 primeiros números da revista Grial, correspondendo os 100 primeiros á etapa en que a codirixiron Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego (1963-1988), e os 56 restantes á etapa dirixida por Carlos Casares (1989-2002). Nos próximos meses achegaremos a xeira en que Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo (2002-2019) levaron o temón.

A publicación na nosa web coincide co 70 aniversario da fundación de Editorial Galaxia (1950) e, en realidade, da propia revista, pois, xa no ano 1951, unha das primeiras preocupacións dos fundadores da editora foi publicar unha revista que consideraban un instrumento imprescindible para os obxectivos do seu proxecto político e cultural.

Como naquela altura o réxime non autorizaba a publicación de novas revistas, e moito menos en galego, optaron por darlle carácter de cadernos monográficos, que se publicarían con regularidade trimestral, intentando así solucionar os impedimentos administrativos. Naceu así a Colección Grial, da que só se puideron publicar catro volumes entre 1951 e 1952, o tempo que precisou a censura franquista para fanar o proxecto.

Houbo que esperar ata 1963, cando ao abeiro dunha nova Lei de prensa, o réxime abriu a man para a publicación de novas cabeceiras, para que se autorizase Grial. Revista Galega de Cultura. O Grial converteuse, dende aquela, por máis de de 57 anos de ininterrompida publicación, nun instrumento imprescindible da nosa cultura, con presenza non só no mundo cultural galego, pois durante estas décadas a revista chegou a un importante número de universidades europeas e americanas.

Grial tivo, desde o seu inicio, cinco grandes obxectivos, aínda vixentes nos nosos días:

 

    1. Ser vehículo responsable da actividade cultural galega.
    2. Ser vehículo de incorporación a Galicia da cultura universal, en especial a europea.
    3. Facer presente fóra de Galicia a cultura galega.
    4. Contribuír ao prestixio cultural da lingua galega, tanto dentro como fóra de Galicia.
    5. Incorporar a mocidade á defensa da cultura galega.

 

Grial é o fío que nos vencella coas institucións que nos precederon na defensa de Galicia, como o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e a xeración Nós, da que Galaxia se sente continuadora.

Grial é unha obra construída, de xeito desinteresado, por varias xeracións, entregadas con ilusión e esperanza á reconstrución da nosa cultura.

A Xosé Manuel Soutullo, que durante máis de 30 anos foi o seu secretario de redacción, debemos o coidado desta edición electrónica e do índice de colaboradores que tamén se ofrece, a quen agradecemos o seu bo facer e á súa entrega altruísta á idea de construción cultural que supón Grial. Revista Galega de Cultura.

 

Antón Vidal Andión

Presidente de Editorial Galaxia

 

 

Vigo, xaneiro de 2021