A historia de Galaxia

Táboa de contidos

A Orixe

O 25 de xullo de 1950 celebrouse no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil (1936). Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galegas, nos tempos difíciles da ditadura.

Pasando por riba das caras aparecerán os nomes

"Negus", da Mocedade Galeguista

Francisco Xosé Nogueiras Rumbao

Xosé Rodríguez Vázquez

Baldomero Gallego

Xulio García Santiago

Membro da Mocedade Galeguista

Manuel Beiras García

Xosé Luís López Cid

Luís Viñas Cortegoso

Emilio Álvarez Gallego

Abelardo Estévez

Aquilino Iglesia Alvariño

Xaime Isla Couto

Xosé María Álvarez Blázquez

Xesús Ferro Couselo

Ramón Otero Pedrayo

Manuel Gómez Román

Emilio Álvarez Blázquez

Manuel Peña Rey

Francisco Fernández Del Riego

Xosé Meijide González

Xosé Benito Abraira

Leuter González Salgado

Salvador Rey Rodríguez

Manuel Luís Acuña

Xosé Mosquera Rodríguez

Francisco Vázquez Álvarez

Xosé Luís Fontenla Méndez

Manuel Filgueira González

Amparo Sánchez

Rosa Rodríguez Pérez

Cristina Novoa Pedreira

Mercedes Cela

Asemblea fundacional de Galaxia. Hotel Compostela, 1950

Non estaban todos. Algúns non puideron asistir, entre outros Ramón Piñeiro, que viña de saír da cadea. Mais había representantes do exilio e da emigración, principalmente das colectividades galegas de Buenos Aires e de Montevideo.

Logo de 74 anos, a Editorial Galaxia, con máis de 3.000 títulos editados e un catálogo vivo de máis de 2.000, constitúe hoxe a referencia histórica da edición en lingua galega. No seu catálogo figuran os autores e autoras máis significativos: Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Alfonso R. Castelao, Vicente Risco, Ánxel Fole, Florentino López Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro

Autores clásicos e autores modernos, pertencentes ás sucesivas xeracións que se incorporaron ao cultivo do idioma durante estas décadas: Celso Emilio Ferreiro, Luís Seoane, Rafael Dieste, Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell, Marino Dónega, Ricardo Carballo Calero, Xosé Neira Vilas, Salvador García-Bodaño, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán, Xohana Torres, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras, Xesús Alonso Montero, Marina Mayoral, …

A carón deles, os máis novos: Manuel Rivas, Alfredo Conde, Paco Martín, Xavier Alcalá, Anxo A. Rei Ballesteros, Ramón Villares, Bieito Iglesias, Antón Riveiro Coello, Miguel Anxo Murado, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Xerardo Quintiá, Xabier López López, Xosé Carlos Caneiro, Alfonso Pexegueiro, Alberto Avendaño, Víctor Vaqueiro María do Cebreiro, Anxos Sumai, Inma López Silva, Yolanda Castaño

Entre os anos 1939 e 1950 apenas se publican libros en Galicia, moito menos en idioma galego. A edición, igual que a resistencia política e cultural, desenvólvese neste período principalmente en América (México, Uruguai, Arxentina), arredor de figuras como Castelao, Manuel Puente, Arturo Cuadrado ou Luís Seoane, auténticos motores da produción editorial no exilio.

En 1949 publícase en Pontevedra a colección de poesía Benito Soto, promovida por Sabino Torres, Cuña Novás, Álvarez Negreira e Celso Emilio Ferreiro.

Polas mesmas datas saen os primeiros títulos de Bibliófilos Gallegos, e mais a Editorial Monterrey, da man de Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, orientada maiormente cara á edición de bibliofilia. O proxecto Galaxia consolidarase, entre todas elas, coma o máis estable e o de máis continuidade, referencia obrigada do rexurdimento da actividade intelectual na Galicia interior.

Ramón Piñeiro

Ramón Piñeiro, primeiro director literario de Galaxia

Foi o primeiro director literario de Galaxia, o seu grande animador intelectual e, sen dúbida, unha das figuras máis sobranceiras da Galicia do século XX. Formado nas Mocidades Galeguistas da Segunda República, axiña se converteu na referencia do galeguismo e da resistencia cultural que, dende o interior, tentaba desenvolver unha estratexia posible nas circunstancias difíciles da posguerra.

Da súa man, a Editorial Galaxia converteuse de feito en plataforma de anovación e defensa da identidade galega, concitando vontades, activando proxectos, conectando as xeracións novas coa tradición dos máis vellos. «Sementar nas novas xeracións a idea e os valores de Galicia, que se estaban perdendo». Tal era a súa visión do proxecto de Galaxia.

A súa obra ensaística céntrase preferentemente en cuestións de carácter filosófico e lingüístico: Significado metafísico da saudade (1951), A linguaxe e as linguas (1967), Olladas no futuro (1974)… mais a súa actuación didáctica, de información e animación, dirixida principalmente ás xeracións máis novas, foi decisiva para a reconstrución cultural e mesmo política da Galicia da transición cara ás liberdades democráticas e á autonomía. A súa abondosa e variada correspondencia constitúe un xénero autónomo, valiosísimo de por si, representativo do seu labor. Gran parte dela está dispoñible nos fondos da Fundación Penzol.

Xunto con Domingo García-Sabell, Ricardo Carballo Calero, Celestino Fernández de la Vega, Marino Dónega, Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego, etc., o grupo configurou un núcleo de pensamento que na historia da literatura galega contemporánea se coñece como o grupo Galaxia, célula activa de creación intelectual, na procura dun discurso moderno e universalista. O seu pasamento, en Compostela (agosto de 1990), constituíu unha manifestación emocionada e plural de afecto, admiración e recoñecemento.

No ano 2009 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.

1951: Nacemento da revista Grial

O antecedente de Galaxia haino que buscar no «Suplemento del Sábado» do xornal compostelán La Noche, iniciativa que, por encargo de Xosé Goñi Aizpurua, comezou a publicarse en setembro de 1949 e que durou ata xaneiro de 1950, baixo a dirección de Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto. O 7 de xaneiro morría Alfonso Daniel R. Castelao no exilio de Buenos Aires. No «Suplemento» de La Noche, suspendido axiña pola Administración franquista, empezan a colaborar moitas das persoas que logo configurarán o fondo intelectual de Galaxia.

O primeiro libro da editora foi Antífona da cantiga (1951), de Ramón Cabanillas. Simbolicamente empatábase coa tradición anterior á Guerra Civil, os autores das Irmandades da Fala e da Xeración Nós, figuras sobranceiras do novo rexurdimento nas primeiras décadas do século XX. Pero a vocación do proxecto era máis ambiciosa: recuperar para a lingua galega a súa significación histórica e o seu valor cultural tanto na creación como na transmisión do pensamento.

Primeiro libro editado por Galaxia

En 1951 comezan a publicarse os Cadernos Grial, coa idea de desenvolver unha revista de cultura. A Dirección Xeral de Prensa e Propaganda prohibiu a súa continuidade, que non se logrou ata o ano 1963. Dende entón, Grial acode puntualmente á súa cita cos lectores e constitúe a plataforma de expresión máis dinámica da editora.

Os seus primeiros directores foron Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro. Dende 1989 a 2002 dirixiuna Carlos Casares, que tamén se fixo cargo da dirección xeral de Galaxia (1985) ata o seu pasamento (2002).

Ao falecer Casares, asumiron esta responsabilidade Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo. A partir de 2020, a dirección da revista recaeu en exclusiva en Henrique Monteagudo.

Na presidencia do Consello de Administración de Galaxia sucedéronse dende a súa fundación intelectuais da significación de Ramón Otero Pedrayo (1950-1976), Domingo García-Sabell (1976-1980), Marino Dónega (1980-1996), Xaime Isla Couto (1996-2012) e Benxamín Casal Vila (2012-2013). O actual presidente é Antón Vidal Andión.

Fronte ao nacionalismo español, pechado e uniformizador, e fronte as actitudes antieuropeas do réxime franquista, Galaxia propiciou sempre unha visión de Galicia como país europeo con personalidade cultural propia e cun idioma apto para as máis variadas áreas do saber. Entre outras iniciativas, en 1956, Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega traduciron ao galego Da esencia da verdade, de Martin Heidegger, cun limiar do filósofo alemán escrito especialmente para esta edición.

1963: Creación da Fundación Penzol

O 5 de maio de 1963 constitúese en Vigo a Fundación Penzol, unha iniciativa do contorno cultural de Editorial Galaxia, que toma o nome do bibliófilo galeguista Fermín F. Penzol-Lavandera, quen achegou os primeiros fondos bibliográficos e documentais. Ese mesmo ano, por iniciativa de Francisco Fernández del Riego, director xerente da editora naquela altura, a Real Academia Galega institúe o Día das Letras Galegas, coincidindo co centenario da edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, título co que simbolicamente comeza o Rexurdimento do século XIX.

Secundaban a iniciativa de Fernández del Riego os tamén académicos Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, ambos os dous membros do equipo fundacional da editora e do seu Consello de Administración.

A Fundación Penzol, que na actualidade dispón de magníficas instalacións na Casa da Cultura de Vigo, cedidas polo Concello desta cidade, constitúe o principal centro de documentación e estudo da literatura e da historia da Galicia contemporánea, cun importante patrimonio bibliográfico ao que acoden anualmente centos de visitantes e investigadores.

A creación da Fundación Penzol foi unha operación estratéxica moi consciente por parte dos responsables da editora. Tratábase de construír un espazo para o estudo e a investigación. Daquela apenas había fondos específicos accesibles ao público relacionados coa cultura e a memoria histórica de Galicia e do galeguismo.

Na mesma órbita da Editorial Galaxia creáronse con posterioridade a Fundación Otero Pedrayo, en 1979, con sede no pazo de Trasalba (Amoeiro, Ourense), residencia familiar do Patriarca, e mais a Fundación Isla Couto, en 1987, con legados non menos importantes, a primeira centrada na obra e memoria do escritor ourensán e a segunda cun abondoso fondo bibliográfico de diferentes materias, moi especialmente galeguismo, espiritualidade e economía. Xaime Isla Couto dirixiu entre 1958 e 1968 a Revista de Economía de Galicia, outro dos ambiciosos proxectos históricos da editora.

Biblioteca da Fundación Penzol

1985: Carlos Casares

En 1985 Carlos Casares asume a dirección da editorial e anima un importante proceso de modernización das súas estruturas, consonte a demanda dos novos tempos. Renóvase o Consello de Redacción de Grial, incorpóranse novos deseñadores (Francisco Mantecón, Manuel Janeiro), ábrense novas liñas de traballo e poténcianse os recursos da editora, que nesta época amosa un fondo editorial de case un millar de títulos.

Carlos Casares

Entre as coleccións deste período sobresaen as de carácter infantil e xuvenil, Árbore e Costa Oeste, continuadoras de iniciativas pioneiras nos anos sesenta e setenta. De 1972 é a edición en galego de O principiño, tradución da obra de Saint-Exupéry realizada polo propio Casares, que podemos considerar iniciadora da actual liña de traducións de autores clásicos e contemporáneos. Novos autores e autoras incorpóranse ao catálogo editorial en coleccións moi variadas que van dende a literatura e o ensaio a obras de referencia, dicionarios, gramáticas, material escolar, libros de texto, arte, xeografía, guías de viaxes e de natureza, poesía, economía, xornalismo, historia, etc.

A Biblioteca Básica da Cultura Galega reuniu en 51 títulos o máis significativo da nosa cultura. Asemade, a editora incorpora aos seus fondos nesta etapa os catálogos das editoriais Pico Sacro e Castrelos.

En 1986 Alfredo Conde recibiu o Premio Nacional de Narrativa pola novela Xa vai o grifón no vento, editada por Galaxia, e despois Manuel Rivas, por ¿Que me queres, amor? (1996), Paco Martín, con As cousas de Ramón Lamote, coeditado por Galaxia e SM, foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1986. Eran os primeiros autores recoñecidos con este importante galardón. Por primeira vez, autores en lingua galega, transcendían cos seus textos alén das nosas fronteiras. En 2022, Un tranvía cara a SP, de Unai Elorriaga, gaña o Premio Nacional de Literatura; Rosalía de Castro. Cantos de Independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama, gaña o Premio Nacional de Ensaio 2018. En 2021, Xesús Fraga gaña o Premio Nacional de Narrativa por Virtudes (e misterios), doblemente galardonado co Premio Blanco Amor 2019; e Alba Cid recibe o Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández por Atlas. En 2022, Maxina ou a filla espuria, de Marcial Valladares gaña o terceiro Premio Nacional ao libro mellor editado na categoría de Facísimiles; e Marilar Aleixandre é galardoada co Premio Nacional de Literatura por As malas mulleres, xa premiado co Premio Blanco Amor en 2020. A finais de 2023 a relación aumentou significativamente, sendo seleccionada As alumnas, de Paula Carballeira, como merecente do Premio Nacional de Literatura Dramática. 

A Real Academia Galega acordou dedicar a Carlos Casares o Día das Letras Galegas no ano 2017.

2000: A Galaxia do milenio

Cando no ano 2000 Galaxia celebrou o seu cincuentenario levaba publicados arredor de 1.700 títulos. En xuño de 2002, logo do falecemento de Carlos Casares, asume a dirección xeral da editora o escritor Víctor F. Freixanes. O fondo histórico da editorial sobarda na actualidade as 3.000 referencias, cun catálogo vivo de máis de 1.500 títulos e unha oferta moi variada que atinxe dende os xéneros clásicos aos máis anovadores: producións discográficas, producións teatrais, edicións dixitais, producións audiovisuais, exposicións, complementos didácticos, participación en longametraxes cinematográficas (A esmorga, 2014)… Con vocación xeneralista, empeñada na modernización da lingua e da cultura galegas, segue a desenvolver a súa actividade co espírito e a ambición do primeiro día.

A revista Grial é un dos novos produtos editoriais, expresión da renovación dunha fecunda tradición

Editorial independente, de capital exclusivamente galego, que inviste os seus beneficios na propia empresa, comprometida cos valores do galeguismo, o pluralismo e a tolerancia. No ano 2014 iniciou un proxecto de presenza cara ao mercado exterior (Mar Maior), en Madrid, Bruxelas, Arxentina, Brasil, coa idea de amosar a cultura galega, na súa dimensión máis ampla, alén do territorio e mesmo da lingua propia (traducións ao inglés, portugués, castelán…).

 

Unha cultura que non está no concerto das culturas todas do mundo é unha cultura mancada. A globalización impón novos desafíos. Nesta mesma liña, a oferta dixital (e-pubs) de Galaxia aumenta cada día, en constante proceso de desenvolvemento.

Por tradición e por acordo dos seus accionistas, Editorial Galaxia S.A. non reparte beneficios. Invísteos arreo en novos proxectos e en novas creacións a prol da cultura. O seu catálogo de clásicos é o máis rico da literatura galega (Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, López Cuevillas, Rafael Dieste…), complementado coa incorporación de escritores e escritoras das xeracións máis novas.

A diversificación que pouco a pouco se foi producindo no mundo editorial galego, coa creación de editoriais como Ediciós do Castro (1963), a desaparecida Castrelos (1964), Edicións Xerais de Galicia (1979), Sotelo Blanco (1981) e outras como A Nosa Terra, Ir Indo, Laiovento, Espiral Maior, Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Edicións do Cumio, Kalandraka, etc., así como o nacemento en 1983 da Asociación Galega de Editores, que na actualidade agrupa arredor de 45 empresas, supuxo un grande enriquecemento e a introdución dun necesario factor de normalidade no libro galego. Este panorama, cada vez máis rico, plural e competitivo, constitúe un estímulo modernizador para Galaxia.