Con esta obra Alba Cid gaña o "Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020"
Velaquí este poemario de Alba Cid, unha poeta chamada a ocupar un lugar de seu na poesía galega próxima. Recoñecida dende moi nova en moitos certames poéticos, publica agora Atlas, un texto singular en que a palabra e a imaxe viaxan da man canda a ollada asombrada da poeta. Etimoloxías, historias naturais, prácticas culturais diversas… Os poemas e as fotografías fan calas nos cinco continentes e desprázanse adiante e atrás na historia á procura de encrucilladas luminosas. Unha nova cartografía. Un novo planeta.
Alba Cid (Ourense, 1989) é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Participou en volumes como Poética da casa (2006) e a antoloxía de Apiario No seu despregar (2016). Publica textos de creación e recensións nas revistas Grial, Luzes, Tempos Novos e Dorna, e é colaboradora da Radio Galega; ilustra e mantén un «Gabinete de curiosidades».
Os seus poemas foron traducidos para o castelán, o grego, o inglés e o portugués, e apareceron en Oculta Lit, The Offing e Poem-a-Day, serie web da Academy of American Poets. Nos últimos anos, encargouse do John Rutherford Centre for Galician Studies, da Universidade de Oxford.
Gañou o Premio Nacional De Poesía Joven Miguel Hernández pola súa obra Atlas.