A Fundación Isla Couto

O 31 de decembro de 1987 Xaime Isla Couto, Cristina Novoa Pereira, Manuel Isla Couto e Celso Isla Couto constitúen a Fundación Isla Couto. Animados pola lembranza do seu finado irmán Ramiro Isla Couto e dispostos a levar adiante o que foran as angueiras básicas da súa vida ao servizo de Galicia, na loita pola recuperación da personalidade nacional decidiron constituír unha fundación que de modo efectivo atendese estes anceios.

O 30 de xuño de 1989 a Fundación Isla Couto é declarada e recoñecida pola Xunta de Galicia como fundación cultural privada e sen ánimo de lucro. O 1 de xullo de 1989 a Xunta de Galicia declara a Fundación Isla Couto de interese galego.

A Fundación Isla Couto nace como un organismo sen ánimo de lucro e ten por obxecto as seguintes finalidades:

  • Colaborar coa Fundación Penzol, especialmente na dotación dunha biblioteca de ciencias humanas, de carácter interdisciplinar, ao servizo dos estudosos da realidade social e histórica de Galicia.
  • A creación dun Instituto Galego de Estudos Comunitarios (IGESCO) que sirva para suscitar conciencia de comunidade no noso país.
  • A Fundación Isla Couto axudará ás tarefas a prol da inculturación dos valores cristiáns na sociedade galega e, singularmente, no arraizamento e difusión da liturxia vernácula.

O Instituto Galego de Estudios Comunitarios

Baixo o patrocinio da Fundación Isla Couto e para dar cumprimento ao seu obxectivo central constitúese o Instituto Galego de Estudos Comunitarios que ten como finalidades as seguintes:

    • Servir de apoio e estímulo para o desenvolvemento social e cultural da sociedade galega e estimular unha sociedade civil participativa e crítica.
    • Actuar coma unha plataforma informativa, formativa e promocional do desenvolvemento local e comunitario desde unha perspectiva social ideoloxicamente independente e comprometida coa realidade galega.
    • Achegar ao ámbito da acción social e cultural un instrumento de apoio co obxectivo de acadar un maior rigor e un coñecemento das posibilidades e medios institucionais públicos e privados dispoñibles para a súa potenciación.
    • Servir como lugar de encontro e foro de debate para todos aqueles que se atopen comprometidos no labor de construír unha comunidade máis autónoma e participativa.
 

Os órganos de goberno, xestión e deliberación do Instituto serán:

  • O Consello Reitor. Fórmano o Presidente do Padroado da Fundación Isla Couto e tres persoas designadas por este. Un director, un secretario e un coordinador de áreas e servizos designados polo propio Consello a proposta do director.
  • A Comisión Directiva (ou Comité Executivo), formada polos anteriormente citados.
  • A Asamblea Xeral. Reunirase en sesión ordinaria anual para coñecer e deliberar sobre os plans e programas de actividades e aprobar a memoria de contas do exercicio.
Coñece a historia detrás da fundación e da familia Isla Couto