A Fundación Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo deixou unha manda no seu testamento pola cal legaba a súa Casa Grande de Trasalba á cultura galega e a Galicia, representada ao efecto pola Editorial Galaxia.
Como fórmula xurídico-administrativa decidiuse crear unha fundación que foi recoñecida por orde ministeiral do 19 de xullo de 1979. Máis tarde foi tamén recoñecida pola Xunta de Galicia como Fundación de interese galego.
A Fundación Otero Pedrayo é unha fundación cultural de dereito civil.
O seu obxectivo manter a promoción da memoria colectiva do “Patriarca das Letras” Ramón Otero Pedrayo a través da custodia da súa Casa Museo de Trasalba, no concello de Amoeiro (Ourense).
Para cumprir os seus obxectivos a Fundación promove unha Asociación de Amigos de Otero Pedrayo e realiza unha serie de actividades arredor dunha festa anual que se celebra o último domingo do mes de xuño e na que se entrega o Premio Trasalba a unha persoa sobranceira da cultura galega e se presentan as edicións do Padroado.
A casa museo de Trasalba
A Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo, residencia habitual do escritor, encóntrase no lugar de Cima de Vila, en Amoeiro, parroquia de Trasalba, ao noroeste da provincia de Ourense.
As vizosas terras de Trasalba e os contactos humanos que alí se desenvolveron fan que Otero descubra as esencias da cultura tradicional, da lingua, da paisaxe e da cultura galegas. A casa de Trasalba e as súas paisaxes permitennos entender mellor o pensamento oteriano, un dos referentes simbólicos do noso pasado recente. A Casa de don Ramón constituía un dos referentes da personalidade culta de Galicia e da conciencia do ser específico, incluso nos momentos dificiles da posguerra. Por esta casa pasaron multitude de amigos e irmáns na conciencia galeguista que ían escoitar a palabra xererosa e poliédrica de don Ramón e a falar de angueiras e proxectos comúns.
A Casa Museo é un centro de cultura viva, dinámica e aberta ao público xeral e aos investigadores. A Fundación Otero Pedrayo posúe a Biblioteca Otero Pedrayo, un Salón de Actos e unha librería.
O salón de actos, feito en 1993-94 nas vellas adegas da casa, acolle as actividades públicas da Fundación e da Asociación de amigos. e está aberto para realizar congresos, xuntanzas de carácter cultural ou científico.
Descubre todo o que hai detrás desta fundación e da historia da persoa á cal representa