Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) foi catedrático de Lingua e Literatura. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto, en Madrid, e foi impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). É autor dunha ampla obra que abrangue diferentes xéneros. Da súa produción poética pódense salientar títulos como Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975) ou Se o noso amor e os peixes… (1980). Tamén é autor de novelas, entre as últimas están A fuga a Exipto (2016) e O neno mariñeiro (2017). Sen dúbida, é á literatura infantil e xuvenil á que ten dedicado os seus maiores esforzos, cunha produción que supera os vinte títulos, entre os que se atopan: O león e o paxaro rebelde (1969), O gaiteiro e o Rato Pérez (1994), Contra o león covarde (1995), Larpancia saborosa do lobo e a raposa (2010) ou Tragaxán e Tragadiño (2016). Membro da Real Academia Galega, foi distinguido ao longo da súa traxectoria con numerosos galardóns como o Premio Abrente, o Pedrón de Ouro, o Premio Estornela de Teatro, o Premio Merlín, o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago e o Premio Eixo Atlántico de narrativa.