PREMIO BLANCO AMOR 2020
PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA 2022
A través das páxinas de As malas mulleres, asistimos a unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX, nunha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entendermos a nosa historia e as do “mudo coro das malas mulleres”, que entoa prantos sobre encontros cos predadores sexuais.
A novela está escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Unha atención ás excluídas onde Arenal e Juana de Vega, traballando a prol da dignificación das persoas, foron pioneiras. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.
Como é habitual na obra de Marilar Aleixandre, a novela vai enmarcada nun ton poético e, sobre todo, nunha trama ben armada e chea de rexistros literariamente moi potentes.

A andaina poética de Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) iniciábase a finais da década dos anos noventa coa publicación de Catálogo de velenos (Premio Esquío) e continuaba con Abecedario de árbores (2006) e Mudanzas (Premio PEN–
-Caixanova, 2007) —volumes recollidos en Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017)— ou Desescribindo (2016). Entre as súas achegas no eido da narrativa destacan As malas mulleres (Galaxia, 2021), novela recoñecida co Premio Eduardo Blanco Amor e co Premio Nacional de Narrativa, e As bocas cosidas (Galaxia, 2025), co que este poemario dialoga.