Así é Venecia, soño e calixe, cidade encantada e panterlo para as lembranzas e as fantasías dos amantes, dos solitarios e dos extraviados. Venecia como espello que reflicte o amor ata que remata escachando en mil anacos, recriminacións e remorsos. Venecia como tránsito cara á incerteza do futuro. E unha muller madura, na compaña da súa nai, percorre as súas pontes e canais para reconstruírse apañando os mil anacos do espello esnaquizado da que foi a súa relación cun home casado. E escríbelle decontino a esa pantasma, irreal e inalcanzable, como a propia cidade esvaecida entre a brétema dos que se amaron nunha paixón insondable e abrasadora.
Mercedes Corbillón mostra, con crueza e clarividencia, as costuras do namoramento, as súa contradicións e a devastación final, os cascallos do desamor sobre os que unha ten que erguer unha nova vida, libre e consciente, da que ser a única soberana.
(Pontevedra) é una das fundadoras da libraría Cronopios, con sedes na súa cidade natal e en Compostela. Dende ese espazo foi construíndo unha vida arredor da literatura, e hoxe é una voz respectada e frecuente en medios de comunicación e acontecementos literarios. Escribe semanalmente nos periódicos La Voz de Galicia, El Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo, ademais de facer colaboracións esporádicas en revistas como Tempos Novos e Luzes. A súa afección desmedida pola lectura levouna a ser xurado en numerosos premios de novela, como o Alfaguara, o Torrente Ballester e o Blanco-Amor, entre outros, e é colaboradora fixa no programa radiofónico Un alto en el camino, conducido por Susana Pedreira, onde fala de libros e viaxes, as súas dúas paixóns.
Vén de publicar un caderno de viaxes sobre A Toxa dentro da colección Illas Atlánticas, de El Patito Editorial, e participou en diversos libros de relatos. A beleza debe morrer é a súa primeira novela, publicada en galego e castelán ao mesmo tempo.