Estes días está chegando ás librerías de todo o país 'A esmorga' de Eduardo Blanco Amor como o escritor querería vela, é dicir, coas pasaxes eliminadas pola censura franquista na edición de 1970. Corenta anos despois, lemos esta novela, considerada por moitos como o mellor libro da historia da literatura galega, íntegra e con todos os seus puntos e todas as súas comas, con todas as palabras que saíron do talento de Blanco Amor e que, seica, eran perigosas e inaceptables dende o punto de vista franquista.
Escrita realmente entre os meses de maio e outubro de 1955, ‘A esmorga’ quíxoa publicar ao ano seguinte Editorial Galaxia, logo do xuízo eloxioso de Ramón Piñeiro, o seu director literario, probablemente o primeiro lector da novela na nosa terra. Non obstante, a censura opúxose frontalmente a que o libro saíse en Galicia. O falanxista Miguel Piernavieja del Pozo, censor que avaliou a mediados de 1956 a obra, ditaminou que se empregaba nela un "lenguaje soez", polo que ‘A esmorga’ tivo finalmente que ser publicada en Buenos Aires no ano 1959 (Editorial Citania).
Para aparecer en Galicia houbo que esperar ao ano 1970, na nosa editorial. Hoxe, completamente 'limpa' gozamos da versión definitiva desta novela que estaba chamada a cambiar a historia da narrativa na nosa lingua.