Será o primeiro caso no que a Biblioteca de Autor de Galaxia se dedica a un escritor vivo. É o recoñecemento da súa condición de clásico. Antes de final de ano sairán os dous primeiros títulos: "Memorias dun neno labrego" e "Cartas a Lelo", que se incorporan deste xeito ao importante patrimonio da editorial.
Deseguido sairán "Lar, Nai, Pan", "Xente no rodicio", "A muller de ferro", "Camiño bretemoso"… A intención da editora é presentar a obra literaria de Neira Vilas ordenada historicamente, con cubertas do pintor Luís Seoane. Foi precisamente Seoane quen deseñou a capa da primeira edición de "Memorias dun neno labrego" en Buenos Aires (1961). No próximo mes de xaneiro cúmprense 50 anos daquel acontecemento, fito de referencia na historia das letras galegas contemporáneas. Inicialmente, a idea de Luís Seoane era publicar o libro na editorial Citania, que viña de fundar con apoio de AGUEA (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas), onde xa editara "A esmorga" de Eduardo Blanco Amor en 1959. Pero Neira Vilas, que viña de constituír a distribuidora e editora Follas Novas, xunto coa súa compañeira Anisia Miranda, acordou publicar o libro coa nova marca editorial.
O libro converteuse rapidamente en primeira referencia da literatura galega posterior á guerra civil, con repetidas edicións, tanto en América como en Galicia (Ediciós do Castro), traducido ás máis importantes linguas europeas e a todas as linguas da Península Ibérica. Para case cinco xeracións de galegos, Balbino, o protagonista das "Memorias", é un personaxe que forma parte da súa crónica sentimental, da súa incorporación ou descuberta das letras galegas.
Os editores reuníronse na aldea de Gres, sede da Fundación Neira Vilas, para celebrar o acontecemento: a creación en Galaxia da Biblioteca de Autor Neira Vilas, que se inaugura coa emblemática obra. Paralelamente, contra finais de xaneiro e coincidindo coas celebracións do 50 aniversario, Galaxia publicará, fóra de colección, unha edición especial das "Memorias" con ilustracións a toda cor do debuxante Xaquín Marín.
No noso blog podes acceder a unha completa galería de imaxes co autor de Gres como protagonista.