A ESMORGA, nominada aos Premios Goya 2015 na Categoría de Mellor Guión Adaptado

Categoría: Nova

O filme do ourensán Ignacio Vilar, A ESMORGA (Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG), que pechou 2014 converténdose nun éxito indiscutible do cinema galego estrea 2015 facendo novamente historia e acada unha nominación na categoría de mellor guión adaptado aos Premios Goya da Academia do Cine Español á primeira longametraxe de fición rodada en galego.
Amplamente eloxiada por público e crítica dende a súa estrea, esta nominación avala o excelente traballo de adaptación á grande pantalla da novela homónima de Blanco Amor realizada por Ignacio Vilar e o guionista galego Carlos Asorey, na que cun grande respecto ao texto orixinal se recorren ás diferentes técnicas cinematográficas (interpretación, fotografía, arte, música, etc.) para poñer en valor e dar unha segunda vida a esta particular historia.
A piques de iniciar a súa 8ª semana na carteleira das principais cidades galegas, o filme foi visto por máis de 40.000 espectadores dende a súa estrea o pasado 21 de novembro e ten prevista a súa estrea fóra de Galicia na primavera.
Sen dúbida, esta nominación dará un pulo ao cinema galego tanto a nivel estatal como internacional.

Comparte nas túas redes sociais ou por email