50 anos de "A Esmorga"

Categoría: Nova

Aínda hoxe "A Esmorga" sorprende.
Por como está escrita. Pola súa estrutura interna. Pola voz dos personaxes, incluso dos que non teñen voz. Pola temática escollida. Polo xeito de amosar un mundo, un universo, as almas e as vidas. Literatura con L grande. Un clásico.
Hai unanimidade ao respecto desta obra. Poderemos elaborar todas as listas que nos apeteza facer, poderemos consultar os especialistas que queiramos consultar, que A Esmorga sempre ha estar entre esas cinco lecturas esenciais para entendermos un mínimo da nosa literatura.
Hai 50 anos Eduardo Blanco Amor obrou a milagre. Medio século despois, fregamos os ollos diante de tanto talento.
Hoxe, as homenaxes ao libro de Blanco Amor sucédense por todo o país. Desde a homenaxe que o Pen Clube desenvolverá no Centro Cultural da Deputación de Ourense, aos xornais do país que lle dedican páxinas ou, mañá, suplementos especiais. Os principais escritores de nós opinan nos medios. Os periódicos narran tamén a odisea particular, por mor da censura franquista, que o orixinal tivo que pasar ata ver a luz.
Todo isto ampliámolo no noso blog.
A opinión, insistimos, é unánime: A Esmorga é unha das cousas máis importantes que lle sucederon á nosa cultura.
Dentro doutros 50 anos, sabémolo, a opinión seguirá a ser igual de unánime.

Comparte nas túas redes sociais ou por email