A Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño de Ourense vén de poñer en marcha unha fermosa iniciativa, inicialmente apoiada pola Depitación Provincial de Ourense. Trátase de solicitar a emisión dun selo de correos dedicado a Eduardo Blanco Amor co gallo do cincuentenario da edición de "A esmorga".
Este tipo de emisión é regulada pola resolución conxunta dos Ministerios de Fomento e de Economía e Facenda publicada o 30 de decembro de 2006. Son selos personificados con valor de franqueo para unha carta ordinaria normalizada de ata 20 gramos, expresada como tarifa A. A Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda procederá á impresión dos pregos sobre os que posteriormente se estamparán as imaxes en offset azul, papel autoadhesivo fosforescente e dentado, formado 40,9*28,8 mm (vertical), coa figura de Eduardo Blanco Amor.
A Sociedade Estatal Correos e Telégrafos determinará a forma en que posteriormente se estamparán os diferentes modelos e imaxes dos pregos. De cada un dos modelos de selos personalizados quedareá reservado un prego a disposición da devandita Sociedade a efectos de cumprimento da obrigación de rexistro de todas as emisións legais de signos de franqueo. Pola súa banda, Correo Híbrido, filial de Correos, encargarase da fase de personalización dos selos co estampado das imaxes, garantindo unha calidade igual a dos demais selos emitidos.
A Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño de Ourense, segundo palabras do seu presidente, Xosé Barros Cachaldorra, quere sumarse desta maneira "á Homenaxe a Blanco Amor no ano 2009, cunha proposta relacionada coa actividade lúdica que nos une aos socios e que consideramos dende as nosas posibilidades como un xeito máis de difundir a vida e obra deste ilustre escritor e xornalista".