Editorial Galaxia publicará antes de fin de ano unha edición restaurada de 'A Esmorga'

Categoría: Nova

'A esmorga' está a ser publicada hoxe en día de forma incompleta, como consecuencia da prohibición que impuxo no seu momento a censura franquista", así o demostra Xosé Manuel Dasilva, da Universidade de Vigo, no seu estudo "As vicisitudes editoriais d’A esmorga", que acaba de ver a luz no último número de revista Grial, o 184, dedicado á gran novela de Blanco Amor con motivo do cincuentenario da súa publicación.
Escrita realmente entre os meses de maio e outubro de 1955, A esmorga quíxoa publicar ao ano seguinte Editorial Galaxia, logo do xuízo eloxioso de Ramón Piñeiro, o seu director literario, probablemente o primeiro lector da novela na nosa terra. Non obstante, a censura opúxose frontalmente a que o libro saíse en Galicia. O falanxista Miguel Piernavieja del Pozo, censor que avaliou a mediados de 1956a obra, ditaminou que se empregaba nela un "lenguaje soez", polo que A esmorga tivo finalmente que ser publicada en Buenos Aires no ano 1959 (Editorial Citania).
Xosé Manuel Dasilva explica, con apoio en abundante documentación, que Blanco Amor intentou de novo a finais dos anos 60 que A esmorga se editase en Galicia. A súa primeira intención foi que Edicións Castrelos tirase o libro do prelo. De feito foi a editorial dos irmáns Álvarez Blázquez a que solicitou o preceptivo permiso diante da censura. Desta vez si que se autorizaría a saída da novela, mais obrigando a que se eliminasen algunhas pasaxes consideradas ofensivas para a Garda Civil. Blanco Amor, a instancia de Edicións Castrelos, substituíu axiña esas pasaxes prohibidas por outras menos problemáticas.
De maneira sorprendente, conforme Xosé Manuel Dasilva proba, Blanco Amor decidiu entón publicar 'A esmorga' en Editorial Galaxia, retirándolle a novela a Edicións Castrelos. Apareceu publicado así o libro por fin en Galicia no ano 1970, cos cambios introducidos polo autor ourensán por imperativo da censura. A Editorial Galaxia recuperaría anos máis tarde o auténtico final da novela, prohibido polo réxime franquista, onde se indica ambiguamente que Cibrán, o protagonista, morre da navallada que el mesmo se inflixiu ou dos golpes que lle propina a Garda Civil.
Logo de exhumar o expediente de censura d’A esmorga, do que Editorial Galaxia non tiña coñecemento, Xosé Manuel Dasilva comproba no seu artigo que faltan aínda algúns fragmentos por restaurar, localizados todos eles no capítulo V, os cales teñen unha importancia decisiva para o tráxico desenlace da obra. Editorial Galaxia vai lanzar proximamente unha edición da novela na que aparecerán incorporados tales fragmentos, respectando así a voz orixinal de Blanco Amor na famosa novela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email