Xosé Neira Vilas presenta o seu último libro, 'Cartas de vellos amigos'. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Dolores Vilavedra. Trátase dun documento de excepción pola personalidade dos correspondentes e polo seu valor como testemuño dunha parte importante da historia da Galicia do século XX.

Nestas 'Cartas de vellos amigos', Xosé Neira Vilas mantén vivos os vencellos que o unen ao mundo cultural da Galicia do interior e ao da diáspora. Sen sucumbir a saudades paralizantes, convertendo a distancia nun pulo construtivo para o individuo e para a comunidade, concretada metonimicamente nesa rede de amigos que o epistolario está, carta a carta, a tecer.

Neira Vilas é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. Nacido en Vila de Cruces en 1928, a súa vida e a súa obra está marcada pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR