A cociña de Larpeiros, de Benigno Campos, foi o libro de Editorial Galaxia máis vendido ao longo do ano 2009: arredor de 34.000 exemplares entre agosto e decembro dese ano, certamente un éxito sen precedentes. A continuación séguenlle as novelas de Domingo Villar, tanto A praia dos afogados, que saíu nese ano 2009, coma Ollos de auga, publicada en 2006, que vai pola sétima reimpresión.
Editorial Galaxia presenta no seu apartado CIFRAS os resultados de produción editorial dese ano: 104 novidades, cun catálogo vivo de 1.258 títulos e unha tiraxe media de 1.700 unidades por título.
Entre os clásicos salienta A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, que ocupa o lugar número 5 na lista dos máis vendidos. Precisamente o ano pasado cumpríronse 50 anos da primeira publicación desta novela, fundamental na historia da narrativa contemporánea galega. Aínda que segue sendo Castelao quen mantén ano tras ano os seus títulos entre os vinte máis solicitados: Os dous de sempre, Os vellos non deben de namorarse, Retrincos e Cousas.
Séchu Sende con Made en Galiza, Breogán Riveiro con Tonecho de Rebordechao, Manuel Núñez Singala con Comedia bífida, Francisco Castro con Chamádeme Simbad e Manuel Rivas con Que me queres, amor? son outros autores contemporáneos que recibiron acollida especial por parte dos lectores.
Entre as traducións sobresae Do que estou a falar cando falo de correr, a última entrega de Murakami, quen veu presentar persoalmente o libro a Compostela, e mais un clásico do noso catálogo: O principiño, de Saint-Exupèry, traducido en 1972 por Carlos Casares.
No ano 2009, Editorial Galaxia publicou 28 traducións, reafirmando unha liña de traballo que ten tamén unha importante resposta de lectores. Sobresae a colección Biblioteca Compostela, que xurdiu co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Santiago e arredor do Premio de Novela Europea que promove o Casino desa cidade. Entre o ano 1990 e o ano 2009 saíron dos prelos de Editorial Galaxia 4.467.466 exemplares de libros en lingua galega.