Cultura do viño en Galicia

Categoría: Nova

O título A rosa do viño inspírase no procedemento popular empregado para apreciar a calidade do viño reparando na súa densidade, no corpo que posúe, nos trazos que o viño deixa nas paredes da cunca e que forman unha figura semellante aos pétalos dunha flor. O libro de Xavier Castro incorpora, dun xeito novidoso, a tradición enogastronómica galega dos nosos clásicos (nomeadamente Pardo Bazán, Julio Camba, Picadillo, Cunqueiro e Castroviejo) e as achegas dos tratadistas modernos, ao que se engade a sensibilidade popular en todo o que atinxe á cultura do viño, tal e como quedou reflectida en textos de moi variada índole e na memoria viva. Tamén está presente a tradición literaria: Valle-Inclán (cuxa actitide respecto do viño se estudia de xeito particular), Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao e a literatura costumista.

Xavier Castro detense na consideración do tradicional gusto popular e no protocolo da bebida fronte á cata experta. Constátase a realidade dun ethos étnico, patente no modo enxebre de beber os galegos, e examínanse tanto as boas maneiras como os usos populares, analizando o tránsito da bebida comunitaria a unha concepción individualista no xeito de beber. Alúdese asemade aos recipientes (pichel, xerro, cunca, vaso e copa) e ás expresións características que se adoitaban empregar nesta práctica social.