'A esmorga' sairá en inglés

Categoría: Nova

Onte, coincidindo coa homenaxe que se lle realizou a Eduardo Blanco Amor en Ourense co gallo dos 30 anos do seu pasamento, organizado polo PEN Clube de Galicia, o director literario da nosa editorial, Carlos Lema, anunciou que proximamente sairá publicada 'A esmorga' en inglés en tradución de Craig Patterson, profesor na Univesidade de Cardiff e gran coñecedor da nosa lingua e cultura. Como Carlos Lema explicou, esta obra é considerada por boa parte da crítica como a máis importante da novelística galega de todos os tempos, e despois das traducións ao castelán, asturiano, italiano ou francés (da que onte falabamos nesta mesma web), era xa tempo de vela tamén en inglés.

Todos os participantes na homenaxe de onte, o propio Lema, así como o Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luis Baltar, a concelleira de cultura Isabel Pérez e o presidente do PEN Clube de Galicia, Luis G. Tosar, coincidiron unanimemente á hora de sinalar a importancia da obra de Eduardo Blanco Amor e o seu profundo significado, tanto para a cidade das Burgas como para a historia da literatura galega e mundial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email