Organizada polo Pen Clube de Galicia e a Deputación de Ourense, a xornada de homenaxe comezará ás 12.00 horas coa tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco. Nesta ocasión esta homenaxe é especialmente significativa xa que se pode considerar a culminación do "Ano Blanco Amor", que sinala o 30 cabodano do seu pasamento e os 50 anos de A esmorga.
O acto contará coa participación de Francisco Rodríguez, Alcalde de Ourense, José Luís Baltar, Presidente da Deputación de Ourense, Luís González Tosar, Presidente do Pen Clube Galicia, Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Roberto Varela, Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Tamén intervirán alumnos do IES Blanco Amor que lerán textos do autor homenaxeado. A homenaxe concluirá coa fermosa voz de María do Ceo, que interpretará dúas cancións a partir de textos de Blanco Amor.