Mañá venres día 20 de novembro, ás 12h, a Facultade de Comunicación da USC acollerá o lanzamento do DVD da película A Esmorga, acto no que participarán o director, Ignacio Vilar; o produtor exectuvio Víctor Freixanes; e máis os actores protagonistas Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán Morris. Despois da presentación, o equipo manterá un coloquio co estudantado da USC e do IES de Santiago de Compostela.
Logo dos éxitos colleitados desde a súa estrea, a longametraxe A Esmorga, producida por Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG; dirixida por Ignacio Vilar; e co-protagonizada por Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán "Morris", sairá á venda en DVD xusto un ano despois da súa estrea nas salas de cinema galegas.
O citado DVD, que inclúe contidos extras coma a posibilidade de ver o filme con comentarios do director ou unha conferencia sobre a novela de Eduardo Blanco Amor e o filme, entre outros, estará á venda en grandes superficies, librerías, papelerías e quioscos de toda Galicia así coma en liña a partir do 20 de novembro.
Ademais, o seu lanzamento virá arroupado por unha ambiciosa campaña de publicidade e de promoción que inclúe actos de sinatura de exemplares por parte do director e os actores protagonistas nas principais cidades galegas entre o 19 e o 21 de novembro:
Xoves 19/11: Lugo (CC As Termas), de 17h00 a 18h30.
Xoves 19/11: Noia (Hipermercado Eroski), de 20h30 a 21h30.
Venres 20/11: Ourense (CC Ponte Vella), de 19h30 a 21h00.
Sábado 21/11: A Coruña (FNAC), de 12h00 a 14h00.
Sábado 21/11: Santiago (El Corte Inglés), de 17h00 a 18h00.
Sábado 21/11: Vigo (El Corte Inglés), de 19h30 a 21h00.
Deste xeito, Ignacio Vilar, Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán "Morris" asinarán DVDs a todos aqueles espectadores que desexen ter nas súas mans unha obra clásica personalizada e avalada por un extraordinario recoñecemento tanto do público como da crítica:
Premio ao Mellor Director, Ignacio Vilar; Mellor Interpretación Masculina, ex aequo Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán "Morris"; Mellor Fotografía, Diego Romero Suárez-Llanos, Festival Cinespaña, Toulouse (Francia).
2º filme máis visto por media por copia en España na fin de semana da súa estrea
15 semanas na carteleira galega
9 semanas na carteleira en Barcelona
Nominación a un Premio Goya (Mellor Guión Adaptado) por primeira vez para un filme rodado en galego
"Soberbias interpretacións", The Hollywood Reporter
"Pura pulsión", Javier Tolentino, RNE.