Galaxia estará na Feira do Libro da Coruña

Categoría: Nova

Mañá, martes 1 de agosto, comezará a Feira do Libro da Coruña, que se celebrará nos Xardíns de Méndez Núñez, ata o día 10 do mesmo mes.

Editorial Galaxia estará presente cunha programación para todos os públicos durante todas as xornadas:

Martes 1 de agosto, 17:30 h. Espectáculo infantil con Pakolas arredor de A Ramona pequena vai á lúa. (Carpa 1).

Viaxa coa Ramona pequena dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!

O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos.

Martes 1 de agosto, ás 19:30 h. Inma López Silva e Arantza Portabales conversan co editor Marcos Calveiro sobre as súas obras: “Escola de mulleres” e “O home que matou a Antía Morgade” (Carpa 1).

Escola de mulleres, de Inma López Silva, fala sobre a fuxida. A súa protagonista, Gloria, unha profesora de Literatura Francesa na Universidade de Santiago de Compostela, foxe da dor, da perda, dunha realidade incerta, ancorada na opresión das convencións sociais.

O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales,  presenta o reencontro, despois de vinte anos, de seis amigos que se reúnen a cear, un 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. Baixo o estrondo dos brindes e dos fogos artificiais, un disparo remata coa vida dun deles.

Martes 1 de agosto, ás 20 h. Presentación arredor de Un taxi verde e un concerto, de Tuco Cerviño.

Acompañando o autor, estarán Ánxel Vázquez e Manuel Rivas. (Carpa 2)

Mércores 2 de agosto, ás 18 h. Cerviño asina na caseta da libraría Berbiriana.

Publicado na colección Memorias, este relato transita a biografía da familia, que se remonta ata o século XIX, con historias de masóns, republicanos, socialistas, galeguistas, conservadores, falanxistas, peronistas; desterros, cadea, exilio, depuracións, tribunais franquistas, emigración, viaxes, revolucións. A Guerra Civil e as súas consecuencias. Profesoras de universidade e mulleres sachando, canteiros e labregos, mestres, médicos e avogados. E tamén o mundo rural de Cotobade, o Instituto e a adolescencia na Pontevedra dos cincuenta, a Compostela dos sesenta, a universidade e as persoas e organizacións do conflito do 68.

Mércores 2 de agosto, ás 20 h. Óscar Reboiras Loureiro asina “A agonía das folerpas”, Premio de Novela Galicia Rural, na caseta da libraría Pedreira.

A agonía das folerpas, amosa tres seres solitarios que buscan, cada un ao seu xeito, evadirse dunha existencia baleira. Tres persoas que non semellan encaixar e que, non obstante, acaban formando equipo co obxectivo de descubrir que esconden as mortes de Salgueiro.

Xoves 3 de agosto, ás 18 h. Fon asina “Troglo&dita” na caseta da libraría A gata tola.

Troglo&dita son dous personaxes prehistóricos pero moi divertidos. Fon, o seu creador, imaxina como sería todo no tempo dos dinosaurios, cando seres humanos e bechos horripilantes compartían o planeta.

Xoves 3 de agosto, ás 19 h. Mesa redonda: Os premios literarios na configuración do canon poético. Ismael Ramos, Alba Cid e Miriam Ferradáns conversan coa editora e poeta Dores Tembrás. (Carpa 2)

Domingo 6 de agosto, ás 19 h. Presentación cruzada entre Mercedes Corbillón e Sibila Freijo autoras de A beleza debe Morrer (Galaxia) e La sal (Planeta) (Carpa 2) 

Mercedes Corbillón mostra, con crueza e clarividencia, en A beleza debe morrer, as costuras do namoramento, as súa contradicións e a devastación final, os cascallos do desamor sobre os que unha ten que erguer unha nova vida, libre e consciente, da que ser a única soberana.

Luns 7 de agosto, ás 19:30 h. Faladoiro: Páxinas para un planeta só. Literatura da ciencia ante o clima con Estíbaliz Espinosa.

Estíbaliz Espinosa é a artífice do limiar, a tradución e notas de Un compromiso co asombro, de Rebecca Elson. Publicada na colección Dombate de Editorial Galaxia, esta obra única dunha voz sutil como materia escura, Elson gravita con perspicaz elegancia pola enfermidade, o espazo exterior e o íntimo, e déixanos un legado polímata: a física e o poema apelan por igual á nena que somos.

Martes 8 de 11.30 h a 13 h. Sinatura con Xoanqui Ameixeiras arredor de “Receitas para encher o peito”, na caseta da libraría Nobel. 

Unha invitación a non esquecer os sabores da infancia, nin aqueles pratos que xuntaban a toda a familia arredor dunha mesa. Este libro defende o produto galego, e recende a afumados, a caldeirada, a mar e campo.

Martes 8 de agosto, ás 19 h. Sinatura con Xesús Alonso Montero arredor de Manuel Murguía. Rosalía de Castro vista por Manuel Murguía, de Manuel Murguía; con edición e notas de Victoria Álvarez Ruiz de Ojea, e prólogo de Alonso Montero, na caseta da Editorial Galaxia.

Entre a súa prolífica obra destacan Historia de Galicia (1866-1880), Los precursores (1885), sobre o rexurdimento das letras galegas, e Galicia (1888). Tamén colaborou na prensa en publicacións como La Oliva, Suevia, Labor Gallega, Eco de Galicia, Galicia, Patria Gallega, Ilustración de Galicia y Asturias e La Ilustración Gallega y Asturiana.

Martes 8 de agosto; de 19.30 h a 21 h. Sinatura con Rocío Ovalle arredor de “Laura e a randeeira espacial”, na caseta da libraría Nobel.

Laura é unha nena forte e curiosa que quere ser astronauta, e ten unha randeeira coa que cada quen chega tan alto como é capaz de soñar.

Martes 8 de agosto, ás 19:15 h. Presentación con Xosé Ramón Veiga arredor de Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (Carpa 1)

Acompañando o autor, estará Ramón Villares, Vogal do Padroado da Fundación Juana de Vega.

É Juana de Vega (A Coruña, 1805-1872) unha muller tremendamente descoñecida para o gran público, coma tantas outras mulleres que dedicarona súa vida a construír unha sociedade mellor guiadas pola máxima de “cumplrir co seu deber”, neste caso co seu país, coa memoria do seu marido, cos seus correlixionarios progresistas, cos nenos abandonados, cos pobres e enfermos, os perseguidos, os condenados e os faltos de educación formal.

Mércores 9 de agosto, ás 19:30 h. Mesa redonda: “Feminismo. A marxe nunca abonda”, coa participación de Luca Chao, María Reimóndez e Daniela Ferrández. Modera: Eli Ríos. (Carpa 1)

Mércores 9 de agosto, ás 20 h. Presentación de Anatol e dous máis, de Blanca Riestra.

Acompañando a autora, estará o escritor Abraham Pérez. (Carpa 2).

Este libro fala do sagrado e o terrible, fala das inocentes alegrías da vida que, como dicía Kierkegaard, non teñen máis ca un defecto: a súa mesma inocencia. Non é soamente un paseo polo efémero da xuventude, é a historia doutra “educación sentimental”, torpes, ás veces tenra. Hai que familiarizarse coa lama, porque só na lama crecen rosas.

Xoves 10 de agosto, ás 19:30 h. Yolanda Castaño (“Materia”) e Marilar Aleixandre (“As malas mulleres”, Premio Nacional de Narrativa e Premio Blanco Amor) conversan coa escritora Mercedes Queixas. (Carpa 1)

Vémonos, na Feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email