Escola de mulleres é unha novela sobre unha fuxida. A súa protagonista foxe da dor, da perda, dunha realidade incerta, da gaiola de ouro que os homes queren construír para pechala e admirala, da opresiva camisa de forza das convencións sociais. E para acadalo emprega a ironía e o seu propio corpo como armas, como camiño cara a unha redención que sospeita imposible. E así a súa pel e a súa mente convértense nun lenzo que, devagar, vaise esgazando polas unllas dos demais, sempre os demais, emerxendo baixo o estigma da loucura ou, quizais, da clarividencia.
Unha novela que nos cuestiona sobre os límites. Da liberdade ou da moral. E, de fondo, como paisaxe idílica ou inferno, as voces doutras mulleres, María, Zelda e Simone, que, entre disputas e risas, a comprenden, a xulgan e a compadecen, mentres unha nena constrúe sobre o chan castelos con bloques de cores.
Novelista, ensaísta, crítica teatral e columnista de prensa, é autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos premios Xerais, Blanco Amor, San Clemente, Losada Diéguez e Francisco Fernández del Riego. Como narradora, cultivou o xénero breve en libros como Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012), así coma o ensaio feminista en New York, New York (2007), Maternosofía (2013) e o polémico Chámame señora, pero trátame coma a un señor (2018). Tras o éxito de aclamadas novelas como Memoria de cidades sen luz (2007) e Aqueles días en que eramos malas (2016), Galaxia publica en 2020 O libro da filla, Premio da Asociación de Críticos Literarios.