Di Anibal C. Malvar de si mesmo que foi un trobador medieval nacido a destempo. Máis alá desta brincadeira, está claro que as catro novelas negras que publicou nos anos 90 son do mellor na nosa produción literaria. El adiantouse ao que agora moitos denominan Galician Noir, cun saber facer e unha calidade extraordinarias. Todas estas obras parten dun perfecto coñecemento dos sumidoiros da sociedade galega, como xornalista de raza que é e que investigou sobre ETA e o seu contorno, o narcotráfico galego e a inmigración, e encerellan aos lectores e lectoras nunha espiral de mentiras e enganos, replicas afiadas, delatores silencios e complicidades, tinguido todo con moita ironía e desencanto.
No tempo desta novela, Galicia era un territorio realmente máxico, máis escrito por fabuladores que por historiadores, comenta no limiar desta reedición, e continúa dicindo, Un home que xaceu aquí vai da suplantación da nosa historia, da nosa memoria e da nosa cultura por unha fábula aceptada por vítimas e verdugos.
O incorrecto protagonista desta novela, X. M. Bernal, catedrático universitario, dispara as súas balas de ironía a torto e dereito nuns diálogos brillantes mentres fuma, moito, bebe, máis aínda, e procura polo mecanoscrito roubado dunha famosa novela escrita polo que foi o seu sogro. E así, o pasado remata por reconstruír e marcar de xeito indeleble un presente desencantado onde a verdade semella un soño inalcanzable.
A esta publicación seguirá o ano que vén a de A man dereita, novela gañadora do premio García Barros do Concello da Estrada en 1994, e que contén algúns dos diálogos máis brillantes das nosas letras.
E para rematar tiramos novamente das palabras do propio autor no seu limiar:
“Fomos testemuña e cómplices do noso propio asasinato como patria e como cultura, pero non nos atrevemos a delatar ao culpable, pois a lexislación reserva o dereito a non declarar contra un propio. Non me digades que non vos tiña eu razóns para argallar, con tanto culpable, unha novela policiaca imposible, na que o asasino fomos todos. Mesmo o falso detective. Benvidos ao xardín dos mentireiros”.