As novidades de Editorial Galaxia no mes de setembro

Categoría: Nova

Galaxia pechará as súas portas durante todo o mes de agosto, a partir do día 3. O equipo da fábrica de libros estará de vacacións ata setembro, coa vista posta nas novidades que chegarán para o novo curso.

A partir deste primeiro trimestre, publicaremos libros para todos os gustos, en todas as coleccións, e algunhas das publicacións máis esperadas, como Síbaris, libro póstumo do noso querido Domingo Villar. Velaquí un chisco máis de información para ir abrindo boca:

SÍBARIS, de Domingo Villar. Dispoñible a partir do 13 de setembro en todas as librarías, este libro inédito é unha obra de teatro que o autor vigués deixou rematada por completo e que entregou á Editorial Galaxia para a súa publicación. Trátase dunha peza dramática protagonizada por un escritor que vén de recibir o Nobel mais que se atopa nun bloqueo creativo dende hai ben de anos.

UN HOME QUE XACEU AQUÍ, de Aníbal C. Malvar. Galaxia recupera a obra de Malvar, un adiantado á denominada Galician Noir. No tempo desta novela, Galicia era un territorio realmente máxico, máis escrito por fabuladores que por historiadores, comenta no limiar desta reedición, e continúa dicindo, Un home que xaceu aquí vai da suplantación da nosa historia, da nosa memoria e da nosa cultura por unha fábula aceptada por vítimas e verdugos.
RUN BABY RUN, de Fátima Delgado. Publicada na colección Teatro, esta obra aborda a discriminación de xénero no deporte. Unha reflexión sobre canto se pode chegar a loitar sen traizoar os propios principios.

MURUROA, de Miguel Martín. Publicada na colección Costa Oeste, esta novela afonda no comportamento humano, tanto a nivel individual como colectivo, diante de noticias que nos afectan no máis profundo do noso ser coma se fosen a explosicón dunha bomba atómica. Unha rapaza, Iria, desaparece sen rastro ningún, pero deixa un profundo desacougo na súa familia que, de súpeto, aprende que significa a palabra “amor logo dunha vida en que cada quen ía ao seu. Unha desaparición que fará reflexionar a todas e todos sobre os seus sentimentos.

70º NORTE, de Xaime Toxo. Pertencente á colección Literaria, esta proposta de Toxo transita no colapso social que acontece nas grandes áreas metropolitanas. Unha Praga contaxiosa, con matices de maldición bíblica, unha civilización ao límite da desaparición… un campamento nómade… todos eles ingredientes para un prato literario fabuloso.

MIÑA CASIÑA, MEU LAR, de Rosalía de Castro, ilustrado por Blanca Millán. Este álbum, cos versos da gran Rosalía de Castro, amosa a loita pola supervivencia dos máis necesitados, a avaricia dos podentes, e malia toda a alegría opr vivir e superar todas as adversidades da muller protagonista, cociñando un humilde caldo de gloria e un bolo de pote. Todo isto está no reivindicativo poema de Rosalía de Castro que Blanca Millán adobia coas súas ilustracións.

E vós, que leredes durante este verán?

Vémonos á volta, cargadas de novidades! Felices vacacións e boas lecturas!

Comparte nas túas redes sociais ou por email