Os días vanse acurtando e temos un feixe de novidades para este outono que xa se anuncia ás alancadas.
A Editorial Galaxia publicará o 13 de setembro o libro inédito de Domingo Villar, Síbaris, unha obra de teatro que o autor vigués deixou rematada e entregou á editorial para a súa publicación e que terá a súa estrea teatral en Vigo o 30 de setembro protagonizada por Carlos Blanco no papel dun afamado escritor que se atopa nun bloqueo creativo dende hai ben de anos. Cun fino sentido do humor desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir. Trátase dunha reflexión aguda, cómica, ás veces desapiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea.
No eido do teatro tamén publicaremos Run Baby Run, obra na que a súa autora Fátima Delgado aborda a discriminación de xénero no deporte. Unha reflexión sobre canto se pode chegar a loitar sen traizoar os propios principios. A estrea da obra producirase o 6 de outubro en Santiago de Compostela cun elenco encabezado por Alba Loureiro e Camila Bossa.
Na colección Literaria chegarán as librarías, As faces do Diamante, de Celia Díaz Nuñez, un libro de relatos que se entrecruzan e personaxes que reaparecen en distintas etapas vitais. Tamén unha novela distópica 70º Norte, de Xaime Toxo, onde a civilización postindustrial chega aos límites da desaparición e o paradoxo da salvación radica nos remotos contornos dunha natureza implacable e imprescindible. E para rematar a novela gañadora do Premio García Barros do Concello da Estrada, Entomoloxía para misioneiros, de Fernando Castro Paredes, un relato de aventuras de arquitectura moi elaborada que se abre á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia e o choque cultural entre Occidente e Oriente.
Para un público infantil na colección Árbore publicaremos a obra gañadora e a finalista da primeira edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer convocado pola asociación AGADEA ALZHEIMER, Sobremesas sobre versos, escita por Raquel Castro e ilustrada pro Diana Pastoriza, e Cando meu avó esqueceu o nome, de Rosalía Morlán e ilustrado pro Belén Rodriguez Pazos.
E a ilustradora Blanca Millán pon en imaxes os versos de Rosalía de Castro no seu novo álbum, Miña casiña, meu lar.
Na nosa colección xuvenil, Costa Oeste, publicamos Mururoa, de Miguel Martín, unha novela que afonda no comportamento humano, tanto a nivel individual como colectivo, partindo da desaparición dunha rapaza no ano 1995. E tamén Meigas, de Esteban Folgar, un visión actual das meigas que viven entre nós, fan grupos de WhatsApp e vixían que ninguén salte as normas.
E en Banda Deseñada, tres novos títulos incorpóranse ao noso catalogo, A brigada iridescente, de Elena Andrés, dirixido a un publico infantil. Sentinelas da Lúa Carmesí, unha intrigante aventura xuvenil de Alex Senande, Ozo Perozo e Andrés Castro. E finalmente unha adaptación dun clásico das nosas letras, Memorias dun neno labrego, obra de Iria Aldegunde.
Poñédevos cómodos no sofá, botade o cobertor por enriba e desfrutade destas lecturas para todos os gustos e públicos.