Libros que deixan pegada

Categoría: Nova

Ademais das nosas novidades editoriais, hai libros que deixan pegada, que seguen viaxando a través do tempo e as xeracións. Anunciamos novas reimpresións para que sigan sendo lidos, recomendados e redescubertos:

Colección Árbore

7ª edición de O misterio do torque de Burelade Antía Yáñez, ilustrado por Kristina Sabaite. Un libro ateigado de aventuras, protagonizado por catro irmáns e un can especialista en investigar misterios inquedantes. Percorren Galicia vivindo todo tipo de peripecias e descubrindo asasinatos e roubos. Recomendado a partir dos 12 anos.

4ª edición de As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro. Unha divertidísima historia, recomendada a partir de 10 anos,  que nos explica que cando un está malo necesita que lle dean un medicamento… ou un monllo de sorrisos, de brincadeiras divertidas e algo de ilusión na vida.

2ª edición de Adiviña esta adiviña, de Antón Cortizas, ilustrado por Pepa Prieto Puy. Lectura recomendada a partir de 8 anos. Contén pezas de escolla entre a tradición oral, de creación propia ou de alumnos de primaria procedentes de Mugardos, Carnota e Ferrol. Esta obra é perfecta para gozar co pracer das palabras e descubrir os enigmas propostos ou… crear os vosos! No libro hai un espazo para que o lector poida engadir as súas propias adiviñas e así contribuír ao xogo. E se non conseguides chegar á solución de todas, tranquilos: tédelas ao final, ademais das pistas que os debuxos da ilustradora van deixando, para que non quededes coas ganas.

Colección Costa Oeste

2ª edición de Fóra de campo, de Rosalía Fernández Rial. Unha obra teatral que enfoca o que fica alén do plano, o que se pode intuír pero non se ve, nese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais, o poder das contendas cotiás, os fíos que unen as mulleres que non se deixan enredar. 

2ª edición de Luz. A historia non contada de Jesse Owens e Luz Long, de Francisco Castro. A través dunha escrita áxil e fresca, Castro envía ás lectoras e lectores ás Olimpíadas de Berlín de 1936. Nese tempo, un atleta negro asombrou o mundo. Jesse Owens gañou catro medallas e avergoñou o nazismo, que o consideraba inferior pola súa cor de pel, dando unha lección deportiva; pero nada do seu éxito sería posible sen un atleta alemán que xogou a vida por axudalo.

Colección Literaria

4ª edición de Os elefantes de Sokurov, de Antón Riveiro Coello. O autor consegue vencellar pasado e presente, unindo inextricablemente a recuperación da memoria coa busca do senso da vida. Moi poucos novelistas conseguen transformar temas de actualidade coma os problemas da vellez, os desafiuzamentos, o traballo precario da mocidade e a pobreza nas rúas nun relato sobre o esencial da vida humana

3ª edición de Os mortos que amei, de Iria Collazo López. Unha road trip disparatada a través de estampas da vida e da morte dos seus avós, co humor e a tenrura como protagonistas, que contan con nostalxia unha historia de amor imposible, onde todo o que coincide coa realidade é inventado.

2ª edición de Runrún, de Ana Varela. Amosa a historia de Uxía, unha xanela aos retallos dunha vida. Unha perspectiva na que prima a saúde mental, os coidados, a afectividade e as relacións sociais.

Biblioteca Vicente Risco

4ª edición de O porco de pé, de Vicente RiscoUnha pintura que nos leva da risa á gargallada en desacougo amargo. Estamos ante unha novela que reborda intelixencia e que continúa a conservar a súa actualidade, a súa vixencia e a súa frescura. 

Cociña

3ª edición de As receitas de A voltas co prato. Begoña, Estefanía, Merchi e Xulio forman un equipo sen igual que, algo espeluxados, traballan como verdadeiros exploradores da gastronomía na procura do sabor definitivo.

Este é o resultado dun amoroso cociñado en grupo, un belisco da súa pequena gran vida sendo parte do programa da TVG A voltas co prato.

2ª edición de Ben mantidos, de Xavier Castro Pérez. Unha novidosa interpretación da nosa historia, unha “nova crónica de nós”, fornecida de alento e optimismo e cunha ollada que permita que as novas xeracións se identifiquen cunha sociedade vizosa que pasou penurias xa superadas, o que leva ao autor a soster que, coa dieta atlántica, os galegos estivemos, e seguimos a estar, ben mantidos.

Álbum

2ª edición de A que cheiran as cores?, de Juan Casto Rivadulla Fernández, ilustrado por Nuria Díaz. Es quen de mover cousas coa mente? A que sabe a cor azul? Pareceríanos normal escoitar estas preguntas nunha conversa entre Harry Potter e os seus colegas. Mais Juan Casto Rivadulla Fernández nunca estivo en Hogwarts. É un neurocientífico galego que responde estas cuestións tan disparatadas mentres nos explica, dun xeito divertido e sinxelo, o funcionamento do cerebro.

Ensaio

5ª edición de Servir era o pan do demo, de Xavier Castro Pérez. O autor manexa fontes de todo tipo (literarias, etnográficas…) para construír un ameno relato que recrea a vida cotiá na Galicia dos séculos XIX e XX. Este volume vén encher un baleiro existente na historiografía contemporánea ao se achegar ás galegas e galegos “normais” para saber como comían, bebían, cantaban, namoraban… en definitiva, como era a vida segundo a clase social á que pertencecen, pois non era igual para os fidalgos que para os labregos, para os burgueses que para as serventes. 

Xa están dispoñibles estas lecturas imprescindibles nas vosas librarías de confianza. Grazas a todas a todas as lectoras e lectores por acompañarnos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email