Celeste decidiu fuxir con 83 anos, un día de abril, o mes en que abren as rosas das cerdeiras. Atopou a maleta onde levaría as súas pertenzas entre mantas e mantóns de estopa, la e angora; blusas de seda en tons pasteis e colo con brocado; bolsos de coiro de res criada coa mesta herba eterna da Pampa; broches dourados con forma de coleópteros máxicos...
O can Elvis e o seu consogro, Antón, taxista xubilado ao que sempre acompaña o fantasma da Vita, a súa muller, serán as únicas compañías na súa longa odisea cara ao Sur. Este é o relato da súa viaxe.
En Os mortos que amei, Iria Collazo escribe unha road trip disparatada a través de estampas da vida e da morte dos seus avós, co humor e a tenrura como protagonistas, que contan con nostalxia unha historia de amor imposible, onde todo o que coincide coa realidade é inventado.
(1981) naceu en Barro, na mesma terra onde Celeste daba
en turrar pola cavadora, e desde os sete anos reside en Moaña, a carón do mesmo
mar en que Antón nunca foi quen de faenar.
É profesora de Ensino Secundario e, como dicía súa avoa, “literata”, con varias
obras publicadas: Coma unha áncora (2015), A soidade das medusas (2016) e A casa
do paralelo 54 (2019), todas na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia. En 2020
publicou o poemario De casa queimada, gañador do segundo premio do certame
Torre da Caldaloba. En 2021 recibiu a I Bolsa Intercambio Xacobeo 21 Galicia-
Xeorxia e, grazas á estadía dun mes na Writer’s House de Tbilisi, puido rematar Os
mortos que amei, dedicada á memoria dos seus avós.