Á Lúa, a todas as Lúas, pola resistencia diaria
Este libro afonda na fraxilidade de existir, na loita invisible entre a mente e o corpo, nunha espiral de ecos que non calan. Non é un estudo nin unha análise, só a deriva dun pensamento que se enlea en si mesmo, ancorado entre a memoria e o esquecemento.
Lúa, unha rapaza de 16 anos nada en Barcelona, sofre de depresión tras a morte do seu pai. A súa vida convértese nun labirinto de ausencias onde cada lembranza pesa como unha ferida aberta.
Entre o baleiro e a esperanza, entre o medo e a resistencia, a protagonista busca un equilibrio imposible, un significado que sempre logra fuxir do entendemento. A historia entrelaza as reflexións de Lúa coa mirada das súas amizades e familiares, que actúan como testemuñas do seu descenso e loita contra a doenza.
Nacín en Santa Comba o 8 de setembro de 2006. Escribo dende pequena, influída por unha máquina de escribir suíza dos meus pais. Ao longo dos anos, recibín varios recoñecementos literarios, tanto en poesía (Premio Minerva e Premio de poesía Francisco Añón) como en narrativa, entre eles o Premio Camilo José Cela.
En 2024 participei nunha residencia literaria autodirixida xunto cos outros galardoados no Premio Minerva do colexio Manuel Peleteiro. A miña obra adoita afondar no intimismo, explorando temas como o amor, a morte e as doenzas mentais.
Ademais da escrita, practico atletismo dende hai uns anos e teño a vontade de estudar física.
Fotografía de Ruth Vázquez Hevia