O sábado 15 de febreiro, celebrarase, ás 12:30 h, na libraría Paz de Pontevedra, a presentación de Son coma glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez.
Acompañando a autora, estará Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Descobre “Son coma glaciares os barcos de aceiro”, a primeira novela de Cynthia Menéndez, publicada na colección Literaria Ronsel de Editorial Galaxia. Unha homenaxe ao Vigo industrial e loitador, vista a través dos ollos dun neno que medra entre manifestacións e folgas sindicais a finais dos anos noventa.
Menéndez constrúe unha narrativa precisa, onde cada liña e palabra están coidadosamente traballadas, reflectindo a meticulosidade dos traballadores dos estaleiros. A novela é unha ofrenda ao Vigo azul: como os uniformes dos traballadores, o ceo sobre a ría, a lealdade, o compromiso e a saudade.
Non perdades a oportunidade de mergullarvos nunha historia que celebra a dignidade e a memoria dunha cidade e a súa xente.
Cynthia Menéndez naceu en Vigo en 1993. Medrou no barrio do Calvario. Cursou estudos de inglés, francés, portugués e italiano en centros e universidades de Inglaterra, Gales, Francia, Os Estados Unidos, O Canadá e Portugal. Viaxa, le e escribe.
É poeta e libreira.
Fotografías: ©Thomas Harris