Nacín na Pobra do Caramiñal hai xa medio século.
Na Universidade de Santiago de Compostela estudei a carreira de Bioloxía e tamén me fixen Doutor en Neurociencia.
Agora son profesor titular de Fisioloxía na Universidade da Coruña. Pero antes traballei como investigador na Rockefeller University de New York e no Instituto Tecnolóxico de Massachusets (MIT). Non sei se lembrades que neste último é onde estudaron o Dr. Octopus, Mr. Fantástico, Tony Stark (Iron Man) e unha morea doutros superheroes que coñecemos da banda deseñada e o cine. O que vos podo dicir é que alí aprendín moito pero nunca me topei con ningún deses personaxes polos corredores. Magoadamente, tampouco desenvolvín ningún superpoder, e non me viría nada mal.
Levo case 30 anos estudando como funcionan as neuronas e segue fascinándome escoitalas falar entre si. Son un namorado da ciencia e teño a sorte de dedicarme a ela. Por iso, ademais do traballo de laboratorio e o ensino, tento compartir coas persoas que non son profesionais da ciencia toda a emoción que sinto estudando e investigando. Fago divulgación a través de programas moi diferentes que inclúen desde charlas, sobre ciencia claro, nos bares, na rúa ou nos colexios, ata colaboracións con actrices e actores para montar espectáculos científico-teatrais. Por certo, a foto que vedes á esquerda fixéronma mentres impartía unha desas charlas das que vos falo.
Polas miñas actividades de divulgación déronme o Segundo Premio no IV Certamen Teresa Pinillos de Divulgación Científica y Humanística (2008) e o Primeiro Premio na 1ª edición do Carnaval de Neurociencia da Revista Investigación y Ciencia (Casto Rivadulla e Juan Aguilar, 2014).