(Alxén, Salvaterra de Miño, 1971) é licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica e traballa como profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario.
É presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999, e todas as súas obras de teatro están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre, desta asociación. Ademais, imparte talleres de teatro no seu instituto, pois considera que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino.
Algunhas das obras que estes nenos e nenas levaron á escena foron premiadas, como, As terapias da doutora Ledicia (2012) cunha Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas, e foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Desta mesma Gala, pero no ano 2019, foi finalista A formiga fóra do carreiro (2018), obra que acadou un segundo premio como mellor libro de teatro en galego do 2018, en Fervenzas Literarias. Ademais das obras citadas, tamén publicou a novela Bestiario doméstico (2017), todas elas en Editorial Galaxia.