Galaxia estará na Feira do Libro do Porriño

Categoría: Nova

Hoxe, xoves 9 de maio, comeza a Feira do Libro do Porriño, a terceira nesta nova edición, que estará aberta ata o domingo 12 de maio. Celebrarase no Barrio de San Bieito.

Editorial Galaxia estará presente coa seguinte programación:

Xoves 9 de maio, ás 19 h. Presentación de As vidas do río, de Xulio Teixeira, acompañado por Diego Giráldez, escritor e xornalista. Unha conversa sobre a novela negra.

Xulio Teixeira debuta en Editorial Galaxia con As vidas do río, unha novela de suspense que fai que o lector sinta a forza de atracción dunha cidade actual, viva e máxica, onde as emocións animarán o seu camiño para coñecela. Nas misteriosas e revoltas augas da boa vila, o comisario Serafín Freixeiro deberá resolver a súa vida persoal e unha serie de crimes onde os intereses políticos, económicos e relixiosos chocan cunha realidade sorprendente.

Diego Giráldez, leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo e dirixiu distintos xornais e revistas, tamén como columnista de opinión. Na actualidade escribe para o diario dixital Praza Pública e a revista Luzes e dedícase profesionalmente á comunicación corporativa. Na Editorial Galaxia publicou títulos como Hotel para coleccionistas discretos (2019) e O meu sangue (2022).

Ás 19 h. Sinatura con An Alfaya arredor de O corazón das casas, ilustrado por Mario G. Alfaya.

Será na caseta da libraría Porto.

Para os máis pequenos da casa, An Alfaya publica a viaxe emocional de Eli, a nena protagonista, nunha historia tecida cos fíos do real e do imaxinario na procura do talismán da amizade.

Domingo 12 de maio, ás 12 h. Sinatura con Raquel Castro, autora de Sobremesas sobre versos, Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, ilustrado por Diana Pastoriza; e Samuel Merino, autor de Claustro Corda Comensal.

Será na caseta da libraría Paz.

17 h. Espectáculo musical infantil e familiar arredor de A Ramona pequena vai á Lúa, de Pakolas, ilustrado por Laura Romero.

Un álbum publicado na colección Sonárbore que conta a historia da Ramona pequena. Unha aventura rockeira fantástica.

O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos. 

18:30 h. Presentación de Contas de buxo, de Raquel Fernández Fernández, acompañada polo escritor Fran Dávila.

Dirixido a público xuvenil, esta obra conta a historia de Lara, unha adolescente que saca boas notas e que nunca dá problemas, pero iso muda cando abandona Gondomar e sobe a un autobús sen lle dicir a ninguén a onde vai. Tras dela, un desengano amoroso, os silencios da súa familia e un león que, sen descanso, a persegue nos seus pesadelos. 

Ás 19 h. Sinatura con Raquel Castro, autora de Sobremesas sobre versos.

Lectura recomendada a partir dos 12 anos, amosa a historia de Uxía e a súa avoa Sica. A neta acompaña a avoa, elaborando sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade ou a infancia. Nestra travesía Uxía é testemuña da perda de saberes e recordos da avoa.

Será na caseta da libraría Porto.

Ás 19:30 h. Recital poético que leva por título Poesía Eléctrica, con Samuel Merino, autor de Claustro Corda Comensal.

Estará acompañado por Fernán Permuy, músico.

En “Claustro Corda Comensal”, Samuel Merino comparte unha crónica do suceso, abrindo unha porta pola que acceder a un recanto da memoria. A través da súa personalísima voz, as lectoras e lectores poderán ser testemuña do esquema dun desastre colectivo. Este poemario funciona como un comezo onde finaliza algo para que algo empece cando algo conclúe.

Vémonos na feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email