Galaxia publica unha edición especial de “En concreto”

Categoría: Nova

Co gallo das Letras Galegas 2024, Editorial Galaxia publica, en colaboración co Concello da Coruña, unha edición especial do poemario En concreto, de Luísa Villalta, con limiar de Estíbaliz Espinosa e fotografías de Xurxo Lobato.

Esta obra póstuma, no seu día merecente do XII Premio de Poesía Espiral Maior (2003), e Premio da Crítica de Galicia 2005, volve aos andeis literarios cunha nova mirada. Como Estíbaliz Espinosa afirma no limiar: “estamos ante un libro que é demolición construtora, que comeza e acaba co Vento – o mítico vento coruñés que non respecta paraugas nin peiteados -, que por acó roldaba antes da cidade e seguirá a soprar sen nós. Non proxecta un futuro distópico de Galicia mergullada, asoballada ou de Terra Deshabitada, senón que recupera a esperanza: os derradeiros ventos, os que pechan o portón do libro, son ‘ventos suaves que nunca máis se daban detido'”.

A poeta da cidade alta, a través dunha sensibilidade única, conxugando o sentido poético e musical, deixou un legado tras de si que hoxe seguimos celebrando. Este poemario é un exemplo de como a autora muda a perspectiva poética, a través dun traballo profundamente persoal, que xoga con diferentes fórmulas expresivas para amosar os paisaxes externos que forman parte da vida da autora. Unha fermosa homenaxe á súa querida Coruña.

Isto é tamén unha muller que resiste.

Palabra de Luísa.

Esta semana chegará a todas as librarías.

Comparte nas túas redes sociais ou por email