Con esta publicación Editorial Galaxia pon o ramo final nesta primeira proposta arredor das Letras Galegas.
Libro das colunas é unha recompilación ao coidado de Xosé Enrique Acuña onde se recolle a obra xornalística publicada por Luísa Villalta no semanario A Nosa Terra entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 marzo de 2004, tan só dous días antes da súa tráxica perda.
Son artigos de variadas temáticas, mais en todos eles están presentes as liñas de forza que percorren toda a súa obra dende o compromiso coa lingua e a cultura galega, a militancia cidadá, a denuncia social e a loita contra a indulxencia e a conivencia co poder establecido.
Recentemente, publicamos tamén, na colección Literaria, Narrativa reunida, que recolle a obra narrativa que publicou en vida.
O volume está conformado polo libro de relatos Silencio, ensaiamos (1991), un variado conxunto de once narracións nas que xa destacan algunhas das temáticas máis queridas da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo. Tamén pola novela Teoría de xogos (1997), unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo, e onde os cinco protagonistas da historia transitan coma monicreques manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa fonda e reflexiva. E finalmente a novela histórica As chaves do tempo (2001), que recrea unha Galicia mítica gobernada polo rei Artur baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros. Un libro de forte carga simbólica arredor da nosa identidade.
Con este volume de Narrativa reunida, a Editorial Galaxia quixo poñer a dispor dos lectores e lectoras estas tres obras, dunha música e escritora múltiple, poeta, dramaturga, ensaísta, tradutora e narradora. E á que é preciso ler en todas as súas facetas literarias para facerse unha idea da complexidade e calidade de do seu corpus creativo.
Estas tres obras, resultan fulcrais na construción da personalidade intelectual e creativa de Luisa Villalta e unha mostra do seu compromiso coa escrita e a sociedade que lle tocou vivir, onde como ela dixo, “as palabras son enerxía contra o tempo é o único depósito fiábel para a esperanza”.
Proximamente recibiremos nos nosos almacéns unha edición especial do poemario En concreto, con limiar de Estíbaliz Espinosa e fotografías de Xurxo Lobato acompañando os versos da homenaxeada.
Estas publicacións completan a nosa proposta editorial arredor das Letras Galegas deste ano xunto con Pensar é escuro, en edición de Armando Requeixo, recupera os catro títulos que Luísa Villalta dispuxo en vida para a súa publicación: “Música reservada” (1991), “Ruído” (1995), “Rota ao interior do ollo” (1995) e “En concreto” (2004); xa chegou á súa 3ª edición; e O outro lado da música, a poesía, en edición de Requeixo, neste volume, que xa acadou a súa 2ª edición, achegámonos á Luísa poeta, pero tamén á especialista en música, que asumía que ambas as artes bebían a unha da outra.
Di Luísa Villalta que, entre outras moitas cousas, os libros serven para levar as contas pendentes, para poñer ao ar as feridas. E así o seguen a facer hoxe estas colunas súas malia os 20 anos transcorridos. Palabra de Luísa.