Charla-Coloquio “Os Eoas de Eduardo Pondal. Colón e Galicia nunha epopea funcional”, en Vigo

Categoría: Nova

O mércores 8 de maio, celebrarase, no salón de actos do MARCO, unha Charla-Coloquio arredor de de Os Eoas, de Eduardo Pondal, en edición de Xosé Ramón Pena, que leva por título Os Eoas de Eduardo Pondal. Colón e Galicia nunha epopea funcional, organizada por Club Faro de Vigo.

Acompañando a Xosé Ramón Pena, estarán Anselmo López Carreira, doutor en Historia; catedrático de secundaria e profesor na UNED, e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

Esta publicación de Os Eoas, nunca publicados en vida do seu autor, cuxa versión derradeira data de 1913-1914, veñen conformar o gran proxecto épico concibido por Eduardo Pondal. A figura de Cristovo Colón –a quen o autor bergantiñán, segundo as teses de García de la Riega e Constantino Horta, presenta como galego de nación– e mais a descuberta de América constitúen, daquela, o eixe temático do texto.

Malia non seren sempre ben avaliados por determinada crítica, Os Eoas responden ao afán pondaliano por ser quen de demostrar as máis altas capacidades artísticas do idioma galego. Asemade, veñen alicerzar o soño iberista do poeta, participando do devezo deste por acadar unha epopea fundacional, en consonancia con outros textos presentes nas literaturas europeas e americanas da época.

Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835 – A Coruña, 1917), “o bardo de Bergantiños”, foi unha das grandes figuras do Rexurdimento xunto con Rosalía e Curros. En 1848 trasládase a Compostela para cursar o Bacharelato e, entre 1854 e 1860, a carreira de Medicina, tempo en que se revelou como poeta.

Participou no Banquete de Conxo, que organizou con Luís Rodríguez Seoane e Aurelio Aguirre, que o vinculou cos ambientes rexionalistas e progresistas da época, e formou parte da Cova Céltica, faladoiro de intelectuais na librería coruñesa de Eugenio Carré Aldao, con Martínez Salazar, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde, Martelo Paumán e Urbano Lugrís.

Da súa obra destacan: “A campana de Anllóns” (no Álbum de la Caridad, 1862), Rumores de los pinos (1877), Queixumes dos pinos (1886) e Os Eoas (1992), entre outras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email