A obra Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco, ilustrada por Sonia García, gaña nos XX Premios Frei Martín Sarmiento, na categoría Infantil. Este é un dos galardóns máis prestixiosos do noso sistema literario pois son o alumnado e profesorado os encargados de decidir cales dos libros publicados nos dous últimos anos son, segundo o seu punto de vista, os mellores.
Este Caderno de cores e cancións é un diálogo entre as músicas, os instrumentos, as rimas e as sonoridades. Esta proposta, de Magín Blanco, é unha invitación a participar nunha viaxe onde as emocións son as protagonistas.
Sensibilidade e cor, son os elementos que caracterizan un traballo ateigado de valores, que convida ás lectoras e lectores a desfrutalo soas ou en compañía. Este álbum está pensado para que as nais e pais o compartan coa cativada, accedendo á fabulosa música de Magín Blanco a través dun QR que contén no interior.
Todas as cancións foron compostas por Magín Blanco e gravadas e mesturadas por Segundo Grandío en Casa de tolos. Os textos que preceden a cada canción foron escritos polos alumnos de primaria do CEIP da Carrasqueira, en Coruxo, Vigo agás o primeiro, que fixeron os usuarios de APMP ao remate dun obradoiro de cancións que con eles se realizou.
Magín Blanco é un músico galego nado na Rúa (Ourense) en 1960. Compositor, guitarrista e cantante, comezou a súa carreira musical no grupo ourensán La Rosa co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Desde o ano 2006, lanzou tres discos en solitario antes de dedicarse á música infantil, participando en moitos dos libro-discos da colección Sonárbore, como “María Fumaça”, “Rosalía Pequeniña”, “Pitusa Semifusa” ou “Xiqui xoque, fiú fiú!”. Entre as súas principais obras encontramos “A nena e o grilo nun barquiño”.