Galaxia estará na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

O venres 1 de xullo comeza a Feira do Libro de Vigo. Celebrarase, dende do 1 ao 7, na Rúa Príncipe da cidade olívica, en horario de 11:00 a 14:00 h e 17:00 h a 21:00 h.
A Feira será a encargada de inaugurar o mes de xullo con presentacións, sinaturas e faladoiros, para todos os públicos.
Este é un evento que acolle fabulosas novidades como Sobrevivindo, de Arantza Portabales, unha das principais voces da escena ‘noir’ do país, que estará asinando o primeiro día, svenres 1 de xullo, ás 18 h, na caseta da libraría Librouro.
Este libro ten todos os elementos que definen a carreira literaria de Portabales: a narración de intriga, unha muller de personalidade forte como protagonista, a ambición e o crime. Unha lectura imprescindible que achega unha nova visión do seu talento.
As máis cativas terán a oportunidade de visitar ao autor Xosé A. Perozo, o sábado 2 de xullo, ás 12:30 h, na caseta da libraría Nobel. Estará asinando obras como O enigma de EmbívicusO libro das avoasHistoria do vampiro que perdeu os cabeiros.
Perozo publicou moitos libros infantís, para a mocidade e para adultos porque a súa afección desde pequeno foi imaxinar historias e contalas. Agora vive de converter os seus soños en libros coma Historia do vampiro que perdeu os cambeiros, ilustrado por Lucía Cobo.
Juan Parcero presentará A soidade selénica, obra que inaugura a colección Ficción Científica de Editorial Galaxia, ás 18 h, en compaña de Tati Mancebo, directora Comercial de Editorial Galaxia.
A través da súa escrita, Parcero sitúa ás lectoras e lectores nun futuro oceánico e nuclear, no que a única saída para a humanidade será a vida fora da Terra.
O domingo 3 de xullo, o escritor Manuel Portas presentará, ás 12:30 h, acompañando por Tati Mancebo, Unha cervexa Chang.
Pertencente á colección Literaria, esta obra explora mares narrativos que nunca antes navegara, introducíndonos no mundo da investigación pseudodetectivesca, no do comercio ilegal dos tesouros perdidos, nunha trama en que nada é o que a priori pode parecer.
Pola tarde, ás 18 h, Diego Giráldez estará asinando O meu sangue, na caseta da libraría Librouro.
Escrita cun marcado estilo persoal, O meu sangue mergullará ás lectoras e lectores nunha intriga que arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.
Ás 19 h, na caseta da libraría Nobel, Xavier Queipo asinará obras como Corazón de manteiga, ou o poemario Minutos para media noite.
Lendo Corazón de manteiga, atravesamos unha existencia condicionada por unha dúbida terrible. Unha pregunta que asolaga a alma do noso protagonista que xunta as forzas que lle quedan para vindicar, neste libro, unha experiencia que ninguén cre. Accedemos á realidade dun home engaiolado en si mesmo, un universo propio que non deixará indiferente a ninguén.
O luns 4 de xullo, ás 18 h, a caseta da libraría Pedreira acollerá a sinatura do novo poemario de María BesteirosA lista da compra
Cuestións como a maternidade dos fillos vivos e da filla morta, a incomunicación, a vida illada nun rural organizado desde os despachos… son algunhas das cuestións que reflexa Besteiros no seu poemario, A lista da compra. Un perpetou cuestionamento da identidade, á raíz da demanda continua dun corpo que deixou de pertencer á súa persoa. Un eu delimitado polos outros.
Ás 19 h celebrarase a presentación de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século, de Pablo Vázquez, ilustrado por Denis Carballás. Os autores estarán acompañados por Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Dunha maneira visualmente atractiva, amena e accesible a todo tipo de públicos, os autores, achegan ás lectoras e lectores, á movida viguesa. Dende o rock ao trap, pasando polo folk, reggae e jazz, nas súas páxinas altérnanse textos, debuxos e material gráfico sobre case cincuenta artistas locais que representan a súa ampla e variada escena musical.
Para rematar o luns, Marcos Calveiro estará asinando, ás 20 h, na caseta da libraría Librouro Curros & Holmes no misterio d’o Kapital.
Neste título, Calveiro introduce ás lectoras e lectores ao derradeiro terzo do século XIX, no momento en que Karl Marx escribe, na biblioteca do British Museum, a segunda parte da súa obra máis destacada, O Kapital, cando lle rouban parte do manuscrito.
A través de grandes aventuras, ateigadas de emoción e misterio, Sherlock Holmes e o poeta Curros Enríquez, empregarán todas as súas habilidades para resolver este misterio.
Alberto Avendaño, participará na Feira asinando a súa última obra Maasai, ilustrada por Xosé Freixanes, na caseta da libraría Pedreira, o martes 5 de xullo, ás 18 h.
O autor baseouse en feitos da historia Maasai e na vida do Laibon Mbatian, o seu líder espiritual, para crear unha rede de historias que observan e cuestionan ao ser humano. A través da retranca máis galega, lévanos ás raíces africanas, a través dunha viaxe que, tamén, supón unha introspección interior.
Antonio García Teijeiro volve a sorprendernos cun novo título, Que demo de monicreque!fabulosamente adobiado coas ilustracións de Xosé Cobas. Estará asinando exemplares na caseta da libraría Librouro, a partir das 20 h.
Este libro fala da maxia de crear, de viaxar a través da imaxinación e gozar da palabra. A simbiose creativa entre os versos e as cores amosa ás lectoras e lectores que, cando todo semella negro, sempre pode saír a luz.
A Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas renderá homenaxe á memoria do escritor Domingo Villar, ás 20 h, na súa caseta. Na mesma, participarán Mar García, a escritora Inma López Silva, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Haberá lecturas en directo da súa obra, premios e moitas sorprensas. Non a perdades!
Cristina Pato estará asinando o seu debut literario, No día do seu enterro, o mércores 6 de xullo, ás 18 h, na caseta da libraría Pedreira.
Unha historia personalísima que pon en valor a grandeza do pequeno, dos actos desintesados, das accións que ninguén ve pero que son capaces de transformar a sociedade.
Ás 20 h, Charo Pita, asinará, na caseta da libraría Nobel, Retratos en branco e negro.
Pita amosa a súa versatilidade como autora, expoñendo e compartindo retratos fantasmais onde o extraordinario e o cotián, a fotografía e a palabra, protagonizados polo branco e negro, van da man para construíren realidades, que apuntan á nosa.
Por último, o xoves 7 de xullo, ás 18:30 h, celebrarase a presentación de Cruzados polo camiñoPremio de Novela Camiño de Santiago 2021, de José G. Barral.
Acompañando o autor, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
A novela traslada o lector, sen renunciar á mordacidade, a lugares senlleiros da ruta xacobea, dando pé a un relato que entretece a arte, o ocultismo e a figura do apóstolo nunha desenfreada carreira contra as conxuras e o tempo.
Vémonos, na Feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email