O luns 4 de xullo, celebrarase, ás 19 h, na libraría Cronopios de Santiago de Compostela, a presentación de Cornucopia, Premio Torrente Ballester de Narrativa 2021, de Raúl M. Santos.
Acompañando o autor, estarán Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Susana Pedreira, xornalista e comisaria do premio, e Francisco Castro, director xeral de Galaxia.
Cornucopia, editada pola Editorial Galaxia, supón a obra coa que o autor Raúl M. Santos (Ribeira, 1976) se estrea no panorama literario galego.
Convén lembrar que esta obra fora elixida por unanimidade como gañadora do Premio Torrente Ballester en decembro de 2021 por un xurado composto polo xornalista e escritor Premio Nacional de Narrativa (2021) Xesús Fraga, pola escritora María Marco, pola xornalista e escritora Nazareth López, pola xornalista cultural Montse Dopico, e polo escritor e gañador deste premio na edicición 2020, Ricardo Losada.
No seu informe o xurado indicara que a obra “é unha parodia moi ben construída, e cargada de ironía, sobre o papel do escritor e a literatura”. No mesmo informe tamén salientaba que “se apoia sobre nunha estructura fragmentaria na liña da literatura posmoderna, pero sen perder nunca o fío nin o ritmo; cunha narrativa moi fluída e con vocación de establecer unha complicidade coa persoa lectora, pero sin por iso ser compracente”.