Homenaxe a Domingo Villar, na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

O martes 5 de xullo, celebrarase, ás 20 h, na caseta da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas, dentro da programación da Feira do Libro de Vigo, unha homenaxe a Domingo Villar.
Na mesma, participarán Mar García (Biblioteca Xosé Neira Vilas), a escritora Inma López Silva, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia. Tamén contará coa participación de diferentes voluntarios do Concello de Vigo, que farán lecturas públicas da obra do escritor.

A homenaxe a un dos escritores máis destacados da literatura galega actual será na Rúa Príncipe de Vigo. A través dun mapa literario da cidade olívica, a biblioteca propón un roteiro polo Vigo de Villar, ao que nos podemos achegar na nosa visita á feira.
Todas as persoas que se acheguen á caseta da biblioteca poden participar na Quiniela do Inspector Leo Caldas. Os participantes no xogo poden gañar diferentes premios como a degustación dos pratos farvoritos do Inspector no Bar Puerto e no Eligio, visitas guiadas á EMAO, e viaxes de ida e volta a Moaña en barco.
Domingo Villar (Vigo, 1971 – 2022) Coa súa primeira novela, Ollos de auga (2006) iniciou a serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. A segunda, A praia dos afogados (2009), supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra con traducións en todo o mundo. O último barco  (2019), foi a súa derradeira novela dedicada ao famoso inspector.
Coas súas obras obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia, ademais dos premios Sintagma e Brigada 21. Foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra.
Editorial Galaxia, casa editora de Domingo Villar en Galicia, publicou no seu catálogo as tres novelas protagonizadas por Caldas, traducidas a linguas como o alemán, o italiano e o sueco, e a súa última novidade Algúns contos completos, ilustrado cos linogravados de Carlos Baonza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email