Galaxia estará na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova, Blog

Hoxe comeza a Feira do Libro de Vigo, a sétima nesta nova edición, que estará aberta ata o 7 de xullo. Celebrarase na Alameda da cidade olívica.

Editorial Galaxia estará presente cunha programación para todos os públicos, con presentacións, sinaturas e espectáculos musicais:

Luns 1 de xullo, ás 19:30 h. Presentación de “O que non ten prezo”, de Xosé M. Pacho Blanco.

Acompañando o autor, estarán Pablo Fernández Carballo-Calero, Catedrático de Dereito Mercantil na Universidade de Vigo; Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

Esta historia pescuda na esencia do ser humano, dende Galicia ata a India, transitando por todos os lugares que poidamos imaxinar e empapándose de todas as vidas para entender o que realmente nos une.

Ás 20:15 h. Presentación de “Os mortos que amei”, de Iria Collazo López.

Acompañando a autora, estarán Tamara Andrés, poeta; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Unha road trip disparatada a través de estampas da vida e da morte dos seus avós, co humor e a tenrura como protagonistas, que contan con nostalxia unha historia de amor imposible, onde todo o que coincide coa realidade é inventado.
 
Martes 2 de xullo, ás 18 h. Sinatura con Álex Mene arredor de “O amante expresionista”, na caseta da libraría Librouro.
 
O libro constitúe unha reflexión sobre a paternidade desde dous puntos de vista: a do pai e a do fillo. O amante expresionista é, tamén, unha homenaxe á historia do cine. Un relato que trata da maxia das imaxes, do fado, dos lazos de sangue e dos emocionais, das linguas, da importancia de amar e daquilo que perdemos consonte vai transcorrendo a vida que nos leva.
 
Ás 18:30 h. Espectáculo infantil con Pakolas arredor de A Ramona pequena vai á Lúa.

Un álbum publicado na colección Sonárbore que conta a historia da Ramona pequena. Unha aventura rockeira fantástica.

O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos. 

Ás 19:30 h. Presentación de “Luz. A historia non contada de Jesse Owens e Luz Long”, de Francisco Castro

Acompañando o autor, estarán Antonio García Teijeiro, escritor e Premio Nacional de LIX; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

A través dunha escrita áxil e fresca, Castro envía ás lectoras e lectores ás Olimpíadas de Berlín de 1936. Nese tempo, un atleta negro asombrou o mundo. Jesse Owens gañou catro medallas e avergoñou o nazismo, que o consideraba inferior pola súa cor de pel, dando unha lección deportiva; pero nada do seu éxito sería posible sen un atleta alemán que xogou a vida por axudalo.

Este libro conta a historia real de Luz Long, represaliado por Hitler por axudar a un competidor, negro. O autor recupera a súa figura para contarnos unha fermosa historia que non debe ser esquecida. O xoves 4 de xullo, ás 18 h, celebrarase unha sinatura do libro na caseta da libraría Librouro.

Venres 5 de xullo, ás 18 h. Sinatura con Brais González Suárez arredor de “Mar branco”, na caseta da libraría Librouro.

Publicado na colección Reportaxe, esta obra é un percorrido, en tren e autostop, que obedece á fascinación estética que a arquitectura brutalista e as paisaxes xeadas suscitan nun xornalista que prefire ser escritor.

Ás 19:30 h. Sinatura con Manuel Veiga arredor de “A literatura galega contada aos escépticos”, na caseta da libraría Nobel.

Esta lectura reflexiona sobre as razóns que levan a algúns afeccionados á lectura a non ler libros en galego nunca. E non só por falta da competencia lingüística suficiente. Hai outros motivos: a maior oferta en castelán ou a presenza en lugar subalterno dos libros na nosa lingua.

Sábado 6 de xullo, ás 12:30 h. Presentación de “Pero… como morren as pegas?”, Premio de Novela Vilar Ponte, de Óscar M. Guzmán

Acompañando o autor, estará Cristina Rey Vázquez, escritora.

Ambientada no Couto Mixto da provincia de Ourense, este libro marcado polo misterio levará ás lectoras e lectores a percorrer boa parte da provincia ourensá, e parte de Portugal, na procura dun pasado ocultado baixo o constante grallar dunha bandada de pegas no ar.

Ás 19:15 h. Man a man, espectáculo poético con Samuel Merino (Pomba & Boato), autor de “Claustro, Corda Comensal”, e Silvia Penas, autora de “Retratos para vodas, partos e funerais”, Premio Follas Novas de Poesía 2023.

En “Claustro Corda Comensal”, Samuel Merino comparte unha crónica do suceso, abrindo unha porta pola que acceder a un recanto da memoria. A través da súa personalísima voz, as lectoras e lectores poderán ser testemuña do esquema dun desastre colectivo. Este poemario funciona como un comezo onde finaliza algo para que algo empece cando algo conclúe.

En Retratos de vodas, partos e funerais, Premio Follas Novas na categoría de Poesía, a poeta ofrece un retrato persoal, no que destaca a fuxida. Unha poesía marcada pola sororidade, na que a voz poética é quen de mirarse noutras mulleres, que esparexen a memoria e o herdo, a beleza e a escuridade da ferida.

Ás 20 h. Conversas Premios Follas Novas: Silvia Penas, Premio de Poesía por “Retratos, vodas, partos e funerais”; e Susana Sanches Arins, Premio de Narrativa por “Cinco Corujos”.

Domingo 7 de xullo, ás 18:30 h. Espectáculo infantil arredor de “O violino de Luísa”, de Oviravai.

Cun elenco formado por Verónica Santalices e Federico Wellicki, este espectáculo achegará a vida e a obra de Villalta ao público. A iniciativa é unha homenaxe á protagonista das Letras, presentando a súa biografía, desde nena, nunha aventura polas rúas da Coruña na procura da poesía e da música perdidas.

Ás 19:30 h. Presentación de “A discreta beleza dos tulipáns”, de Eva Gutiérrez Alonso.

Quen non ten unha pequena parte escura? Talvez ninguén puidese superar a proba de ser examinado co foco apuntando a esa escuridade, coa lupa aumentando eses pequenos defectos ou debilidades que todos temos. Así son os protagonistas destes relatos, como tulipáns que esconden con discreción as súas sombras dentro dunha vida aparentemente común.

Vémonos pola Feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email