Hoxe celebramos o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, unha loita que dende a editorial apoiamos activamente a través de publicacións para todos os públicos.
A orixe desta conmemoración atópase na madrugada de 1969, nos chamados disturbios de Stonewall. Foi a primeira vez que a comunidade LGTBIQ+ xuntou forzas para reivindicar os seus dereitos, contra a opresión do sistema estadounidense, en protesta dunha redada policial no pub Stonewall Inn, en Greenwich Village, (Nova Iorque). Ao ano seguinte, organizáronse as primeiras marchas nesta cidade e nos Ánxeles, ás que pouco a pouco fóronse engadindo outras urbes do mundo enteiro.
O compromiso na loita pola igualdade e visibilidade deste colectivo, por parte de Galaxia, pódese ver nas nosas publicacións para público adulto e infantil. As nosas propostas buscan incidir na necesidade de realizar cambios e ampliar a mirada social:
As múltiples cores da vida. Corpos, identidades e orientacións sexuais, coordinado por María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo, coa colaboración da Universidade de Vigo.
Publicado na colección Feminismos, esta publicación amosa a dura realidade quen ten que enfrontar o colectivo: discriminación, violencia, dificultades de integración, etc., á vez que se fan propostas de estratexias para promover unha sociedade máis xusta e libre de discriminacións e violencia.
Extraordinario, XII Premio Narrativa Breve Repsol 2018, Premio da Crítica Española 2018; de Antón Lopo
Unha novela sobre as relacións familiares e o amor, pero tamén sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer.
Identidade, de Nee Barros
Publicada na colección Costa Oeste, Identidade é unha obra de teatro na que acompañamos ao protagonista, Zé, nunha transición que confrontará moitos prexuizos e descoñecemento ao seu redor. Un libro que defende a importancia da palabra para visibilizar e entender outras realidades.
Para público infantil:
A receita do queixo lunar, de Paloma de Toro, ilustrado por Nuria Díaz
O álbum de Paloma de Toro, adobiado coas fantásticas ilustracións de Díaz, incide na defensa da diversidade e convida ás nenas e nenos a abrazala. Amosa outras realidades, e a posibilidade de amar dunha maneira diversa. As protagonistas desta historia, Petroski e Teresa, demostran como un posible temor ao descoñecido pode transformarse en confianza e cooperación, grazas á curiosidade de comprender outras circunstancias.
Cambia o conto, de Música Miúda, ilustrado por Xosé Tomás
É unha proposta que mestura o máis puro ritmo musical coa poesía visual do ilustrador Xosé Tomás, reinventando personaxes e contos tradicionais, para rachar cos estereotipos de xénero.
Estrela… fugaz?, XVI Premio O Facho de Teatro Infantil 2015, de Carlos Labraña.
Meteoro, o noso protagonista un día, aproveitando o paso dun cometa, marcha á procura dun lugar onde poder ser el mesmo. Será a Terra ese lugar ou terá que seguir a súa viaxe polo Universo, para poder ser estrela?
Faro e o seu día importante, de Alfredo Blanco Martínez, ilustrado por Ana Santiso
Unha lectura que abraza a diversidade e anima ás nenas e nenos a atravesar os seus medos, na busca da autonomía e o desenvolvemento persoal. Amosa unha estructura familiar diversa, cos matices e sensibilidade propios dunha obra esencial.
O mundo de cores de Roque e Lía, de Paula Suárez, ilustrado por Nuria Díaz
Este fabuloso álbum conta unha historia na que impera a empatía, o respecto á diversidade e o compañeirismo. En palabras da autora, “O mundo de cores de Roque e Lía é o meu acercamento á literatura infantil, o meu primeiro libro baixo a miña mirada pedagóxica froito da experiencia de un e miles de relatos e vidas compartidas coas familias e os nenos e nenas neste recorrido educativo, Roque e Lía suman moitas voces así como todas as persoaxes que os acompañan neste recorrido multicolor”.
Xoán, Xoana, XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” 2022, de Francisco Castro.
Xoán non é Xoán: é Xoana. É tan difícil de entender? Unha lectura sobre a diversidade e a loita pola liberdade individual. Nesta aventura, a nosa protagonista, vai ter que xogar o partido de fútbol máis difícil da súa vida. Unha batalla contra Os De Atrás, eses que non queren que as persoas sintan en liberdade.
Xe, de Lara Boubeta Bamio, ilustrado por Sara Valcárcel.
Nesta lectura, dedicada á cativada, o personaxe principal, Xe, é un neno ou unha nena, quen sabe? Un misterio para toda a humanidade. A través desta historia, autora e ilustradora, expoñen a necesidade de fuxir do canon social, do politicamente correcto, para atopar a propia esencia. Esta obra representa a búsqueda da liberdade e, sobre todo, da identidade persoal.