O sábado 29 de xuño, celebrarase, ás 12 h, na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, en Bueu, a presentación de Biscoito de laranxa, de Daniel Chapela.
Acompañando o autor, estarán Anna R. Figueiredo, escritora; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Colabora a libraría Miranda.
Biscoito de laranxa pretende mergullar o lector no proceso de perda dun ser querido e nas tensións que se xeran dentro do núcleo familiar. Unha obra sobre a conexión coa terra, aferrando a memoria á carne para sentir as costuras das relacións e o seu abafo existencial.
Chapela, cunha obra epitáfica, indaga no amor e nas mostras da ausencia, creando un canto cara ás mulleres que, amándonos, nos ensinaron a amar.
Daniel Chapela (Meiro, Bueu, 1999) é dinamizador cultural e filólogo, centrado na investigación da documentación medieval e no desenvolvemento de proxectos de difusión da cultura e lingua galegas. No ano 2022 fíxose co 2º premio Xuventude Crea, na categoría de poesía, con Biscoito de laranxa, obra que, ampliada, constitúe a súa opera prima.
Foto do autor de ©Irene Curra Piñeiro