O escritor e historiador Justo Beramendi faleceu esta madrugada, aos 83 anos de idade, en Santiago de Compostela.
Deixa tras de si un importante legado no ámbito cultural e académico de Galicia, polo que sempre o lembraremos na nosa sociedade, con agarimo e un fondo agradecemento.
Nado en 1941, foi catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC e presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Foi cofundador do Museo do Pobo Galego e tamén o presidente da súa Xunta Reitora. O seu labor poliédrico tamén se ve reflictido na súa actividade, como un dos membros fundadores, da Fundación Castelao; tamén no papel que asumiu como director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. Un activista cultural que demostrou o seu compromiso incansable participando de maneira activa na creación de revistas como Negacións (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) ou Tempos Novos (Santiago, 1997).
Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos foi editor das obras de Losada Diéguez, Ramón Villar Ponte, Pena Novo, Castelao e Vicente Risco. Organizou e coeditou as actas dos congresos Nacionalismos e rexionalismos na España da Restauración (1983), Castelao (1986), Os nacionalismos na España da Segunda República (1988), Nationalisms in Europe. Past and Present (1993) e Memoria e Identidade (2004).
Colaborador habitual da Revista Grial; na Editorial Galaxia, editou títulos como Obras Castelao. Tomo III; O esquecido mentor de Nós. Escolma de textos, 1900-1929, de Antón Losada Diéguez; ou Loitando pola Galicia que non foi, de Francisco Fernández del Riego.