A Boa Vila acolle durante esta semana a Festa dos Libros, una efeméride que pon en valor o exercicio literario galego, na Praza da Ferraría.
Desfrutar do mes de xullo é sinónimo de escoller boas lecturas que nos acompañen durante esta tempada de descanso e desconexión. Que mellor maneira de desfrutar dunha das nosas estacións favoritas que coñecendo a obra das autoras e autores de primeira man?
Velaquí a programación na que estará presente Galaxia:
Venres 5 de xullo, ás 11:30 h. Espectáculo infantil con Pakolas arredor de A Ramona pequena vai á Lúa.
Un álbum publicado na colección Sonárbore que conta a historia da Ramona pequena. Unha aventura rockeira fantástica.
O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos.
Ás 12:30 h e as 14 h. Sinatura arredor de “Pero… como morren as pegas?”, Premio de Novela Vilar Ponte, de Óscar M. Guzmán. (Caseta da libraría Nobel).
Ambientada no Couto Mixto da provincia de Ourense, este libro marcado polo misterio levará ás lectoras e lectores a percorrer boa parte da provincia ourensá, e parte de Portugal, na procura dun pasado ocultado baixo o constante grallar dunha bandada de pegas no ar.
Sábado 6 de xullo, celebrarase, ás 11:30 h. Sinatura con Daniel Chapela arredor de Biscoito de laranxa. (Caseta da libraría Paz).
Biscoito de laranxa pretende mergullar o lector no proceso de perda dun ser querido e nas tensións que se xeran dentro do núcleo familiar. Unha obra sobre a conexión coa terra, aferrando a memoria á carne para sentir as costuras das relacións e o seu abafo existencial.
Domingo 7 de xullo, ás 19 h. Sinatura con Antón Riveiro Coello arredor de Hotel Carioca, I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela 2022. (Caseta do Espazo Lector Nobel).
Hotel Carioca é unha novela múltiple que, coma unha matrioska, contén outras novelas que van dende unha de formación a outra psicolóxica, pasando mesmo por unha policial. Cun estilo lírico, áxil e envolvente, Antón Riveiro aborda temas como a homosexualidade e a súa aceptación, os coidados, a eutanasia, a emigración, a amizade, a descuberta da sexualidade e, sobre todo, o fantástico e intuitivo mundo da creación artística.
Ás 19:30 h. Sinatura con Iria Aldegunde arredor da novela gráfica de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego. (Caseta da libraría Paz).
Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.
Ás 20:15 h. Conversa que leva por título “A primeira vez”. Contará coa presenza de María Alonso Seisdedos, presentando As Jermaine (Editorial Galaxia); Alba Guzmán Falcón, autora de Xoaniña de Deus (Xerais); e Laura Portas, autora de El baile de las mareas (Plaza & Janés).
Modera Chus Gómez Dorrego, xornalista. Colabora o Espazo Lector Nobel de Pontevedra.
En As Jermaine, inverosímil e real a partes desiguais, revélasenos, como a imaxe que se forma aos poucos na cubeta dunha cámara escura alumada por unha tenue lámpada da cor do sangue, que somos efémeros actores do presente e peóns do pasado, movidos polos fíos que manexa quen sabe se o demo ou a xenética, e abocados a precipitarse no nada que é o futuro.
Vémonos, unha vez máis, entre libros e historias.