Hoxe comeza a Feira do Libro de Ponteareas, a oitava nesta nova edición, que estará aberta ata o 14 de xullo. Celebrarase nos Xardíns da Xiralda.
Editorial Galaxia estará presente coa seguinte programación:
Venres 12 de xullo, ás 18 h. Presentación de Pero… como morren as pegas?, de Óscar M. Guzmán.
Acompañando o autor, estará Manrique Fernández, crítico literario.
Ambientada no Couto Mixto da provincia de Ourense, este libro marcado polo misterio levará ás lectoras e lectores a percorrer boa parte da provincia ourensá, e parte de Portugal, na procura dun pasado ocultado baixo o constante grallar dunha bandada de pegas no ar.
Ás 19:30 h. Sinatura con Raquel Castro arredor de Sobremesas sobre versos, Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, na caseta da libraría Porto. (Sábado 13, sinatura ás 19 h, na caseta da libraría Terra).
Ilustrada por Diana Pastoriza, esta lectura recomendada a partir dos 12 anos, amosa a historia de Uxía e a súa avoa Sica. A neta acompaña a avoa, elaborando sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade ou a infancia. Nestra travesía Uxía é testemuña da perda de saberes e recordos da avoa.
Ás 20 h. Presentación de Comando Sintrom, de Beatriz G. Turnes.
Acompañando a autora, estará Manrique Fernández, crítico literario.
Nestes contos enfrontámonos ao que supón vivir nunha residencia, soa nunha casa ou en estreito contacto coas veciñas, e, curiosamente, todas as situacións teñen o seu aquel. Por veces estas mulleres son pillabanas, outras tremendamente sensibles, en ocasións parecen equivocarse, pero na inmensa maioría saen adiante con sentido do humor, con doses de retranca e de sororidade.
Ás 21 h. Presentación de O teu perfil na miña sombra, de Rexina Vega.
Acompañando a autora, estará Manrique Fernández, crítico literario.
Un libro que non é exactamente unha narración, tampouco un poemario nin un ensaio, pero baixo a forma de diario recolle todos eses rexistros para indagar nun dos temas esenciais da reflexión sobre o “ser muller”: a maternidade.
Sábado 13 de xullo, ás 13 h. Presentación de As vidas do río, de Xulio Teixeira.
Acompañando o autor, estará Manrique Fernández, escritor e crítico literario.
Unha novela de suspense que fai que o lector sinta a forza de atracción dunha cidade actual, viva e máxica, onde as emocións animarán o seu camiño para coñecela.
Domingo 14 de xullo, ás 18 h. Sinatura con Raquel Fernández arredor de Contas de buxo, na caseta da librería Porto.
Dirixido a público xuvenil, este libro conta a historia de Lara, unha adolescente que saca boas notas e que nunca dá problemas, pero iso muda cando abandona Gondomar e sobe a un autobús sen lle dicir a ninguén a onde vai. Tras dela, un desengano amoroso, os silencios da súa familia e un león que, sen descanso, a persegue nos seus pesadelos.
Ás 18 h. Presentación e recital arredor de Claustro Corda Comensal, de Samuel Merino.
Acompañando o autor, estarán Esmeralda Quiroga e a Fernando Permuy (guitarra).
En “Claustro Corda Comensal”, Samuel Merino comparte unha crónica do suceso, abrindo unha porta pola que acceder a un recanto da memoria. A través da súa personalísima voz, as lectoras e lectores poderán ser testemuña do esquema dun desastre colectivo. Este poemario funciona como un comezo onde finaliza algo para que algo empece cando algo conclúe.
Vémonos, entre libros!