Para as e os máis futbolistas da casa, destacamos as seguintes lecturas:
FÓRA DE XOGO, VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, de José Luis Baños de Cos, ilustrado por Agustina Shuan. Recomendada a partir de 8 anos, narra a historia dunha amizade, reivindica o dereito das nenas a través do deporte e os soños compartidos nunha situación discriminatoria e de desesperanza.
SOÑOS DE FÚTBOL EN BANGUI, de Yves Pinguilly, traducido por María González González, ilustrado por Laurent Corvaisier. Recomendada a partir de 10 anos, nesta historia, o noso protagonista, Zangba, ten 15 anos. Vive en Gangui, na República Centroafricana. Xa hai tempo que deixou a escola, e aínda máis que é orfo. Para el, o seu único osíxeno é o fútbol. Mesmo sen calzado, mesmo co estómago baleiro, no terreo de xogo, vibra.
O ÁLBUM DA GARRINCHA, de Beatriz Maceda Abeleira, ilustrado por Laura Veleiro. Recomendada a partir de 10 anos.
Garrincha foi un futbolista brasileiro medio coxo, coa columna vertebral como unha interrogación. Ninguén pensou nunca que chegaría gañar o Mundial e ser un dos mellores futbolistas de todos os tempos. A historia de Garrincha é a que ten sempre en mente o protagonista desda novela que, a través do fútbol, vai conseguir entender o mundo, ás veces hostil, que o rodea.
OS PELOTEIROS, de Patricia Mallo, ilustrado por Dani Padrón. Os Peloteiros Fútbol Club poderíanse definir como o peor club na historia dos clubs de fútbol, sendo ben optimistas. Esta agrupación, formada por sete rapaces moi diferentes, foi protagonista dun suceso acontecido o pasado verán…
Lecturas imprescindibles para complementar con estes días de partidos, nervios e incerteza. Que vivan o deporte e a literatura!