A Editorial Galaxia xa está no Culturgal con todo preparado para recibirvos. A partir de mañá podedes asistir á nosa programación, deseñada para todos os públicos.
Velaquí toda a información sobre as actividades do sábado:
Sábado 26 de novembro
12 h. Sinatura arredor de Lagarta, lagarta, con Elvira Ribeiro Tobío e Sofía Venzel. (Stand da libraría Paz).
A través dunhas impactantes imaxes, nas que as cores vibrantes e formas extravagantes son as protagonistas, podemos ler esta obra dende o principio ou o final, na que a cativada entrará nun xogo poético, cheo de significado. Un libro ateigado de luz e poder imaxinativo que defende a necesidade de mirar máis aló, de buscar varias lecturas nunha mesma historia, en definitiva, de desenvolver un pensamento crítico, dende as idades máis temperás.
ESPAZO LIBRO
13 h. 50 anos de poesía e compromiso, con Helena Villar Janeiro, autora do libro De rosa antiga. Acompañando a autora, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Celebrando as súas vodas de ouro coa poesía, a escritora Villar Janeiro festexa o seu amor pola palabra co libro De rosa antiga. Unha escolma que recolle a súa obra dende 1972 ata 2022. Velaquí unha mostra significativa do que leva dado de si un talento que se iniciou hai cincuenta anos.
Este libro recopila a súa evolución como poeta e as claves principais do seu universo creativo.
14 h. Vixiade as vosas costas. Celebrarase unha conversa arredor da temática novela negra cos escritores Diego Giráldez, autor de O meu sangue, e Javier Fraiz, autor de Morte no espello.
Acompañando os autores, estará Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia, como coordinador.
Escrita cun marcado estilo persoal, O meu sangue mergullará ás lectoras e lectores nunha intriga que arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.
18:30 h. Unha Galaxia de Premios. Celebrarase un encontro entre Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa por As malas mulleres, Ignacio Vidal Portabales, Premio García Barros 2022 por Illas remotas, de Irene Rega Jul por A malferida, coordinadas por Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
A novela As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, está escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Unha atención ás excluídas onde Arenal e Juana de Vega, traballando a prol da dignificación das persoas, foron pioneiras. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.
Escrita cunha prosa de fino burilado, Illas remotas, de Ignacio Vidal Portbales, é posuidora duns diálogos de fulguración reveladora, a narrativa de intensa prospección psicolóxica na que estas páxinas nos mergullan abísmanos no eterno problema da identidade e o seu infindo xogo de espellos e máscaras.
Na novela A malferida, de Irene Rega Jul, a protagonista Mariña sente terror cada vez que vai ao colexio. O seu único desexo é pasar desapercibida, ser invisible aos ollos dos acosadores.
Vémonos, no Culturgal.