Galaxia publica o novo libro de Antón Riveiro Coello “Días de intemperie”

Categoría: Nova

En Días de intemperie, o autor de Xinzo de Limia ofrece ás lectoras e lectores un espello no que ollar o mellor e peor de nós.
Cunha temática de desafortunada actualidade, onde o pano de fondo é a guerra, Riveiro Coello ispe os personaxes para os deixar nunha intemperie que tamén podería ser a nosa.
Asuntos como os coidados, a fidelidade, a homosexualidade, a covardía, a vinganza, a suplantación de identidade, o amor polos libros, o contrabando ou a orfandade son algúns dos temas que compoñen este libro estremecedor.
Como xa fixera en As Rulas de Bakunin, Laura no deserto e O paraíso dos inocentes, Antón Riveiro Coello pon de novo os seus personaxes en situacións límite para que nos amosen as súas luces e sombras. Relatos duros que nos enfrontan co espello para sabermos o lugar que poderiamos ocupar en conflitos tan diversos como os que acollen estes relatos. Unha proposta que invita á reflexión e a empatía nas situacións de necesidade extrema.
Antón Riveiro Coello. Naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias ten publicadas as novelas Valquiria (1993, premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (1999), coa que foi finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos Parque Central(1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997. Con Animalia (2000) obtivo o premio Café Dublín correspondente a 1999. As rulas de Bakunin recibiu o premio García Barros en 2000, ano no que tamén logrou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa con Homónima. En 2007 publica en Galaxia A voz do lago, novela coa que se adentra na creación literaria para os lectores máis novos, e na colección Literaria Os ollos de K.

Comparte nas túas redes sociais ou por email