Para celebrar o Ano Castelao, publicamos unha reedición de Sempre en Galiza.
Coincidindo co día do nacemento de Castelao e tamén Día da Ilustración, dedicado a quen foi mestre da palabra e da imaxe, en Editorial Galaxia anunciamos a chegada do libro máis célebre do escritor de Rianxo, obra que segue a ser faro e conciencia do noso pobo.
Símbolo da cultura e do país galego, Sempre en Galiza representa os anceios dunha nación que se quere situar a carón doutras culturas e en igualdade co resto dos pobos.
Conmemorando o ano que celebra a esta célebre figura, publicaremos, na Biblioteca Castelao, obras como Epistolario Castelao, en edición de Xosé Manoel Núñez Seixas; e Escritos de arte, de edición de Agar Ledo.
Para os máis novos, publicaremos, na colección Árbore, unha lectura recomendada a partir dos 10 anos, Cousas de nenos, e baixo a autoría da Premio Nacional de Narrativa, Marilar Aleixandre, Castelao segundo Rañolas, na colección Costa Oeste.
Rescatamos o famoso Retrincos. Un ollo de vidro, adaptándoo ao formato Lectura Fácil, como compromiso de facer accesible este clásico imprescindible dunha maneira próxima para todos os públicos. Na colección Ensaio, verá a luz Castelao en Coímbra, de Antonio Iglesias, e nas coleccións dos seus coetáneos Xosé Neira Vilas, Castelao en Cuba; na de Eduardo Blanco Amor, Castelao escritor; e na Biblioteca de Ramón Otero Pedrayo, A miña amizade con Castelao.
Un exemplo máis das moitas obras fundamentais que forman parte do noso catálogo. Libros como Cousas, xunto a colección de obras Cousas da vida que atesouran fermosas obras ateigadas de intelixentísimas viñetas (Mulleres, Nenos, Vellos, Animais, Caciques, ou Homes).
Podemos observar a súa visión sobre o pobo galego en títulos como Os dous de sempre, ou o seu sentido de humor e sátira social en Os vellos non deben de namorarse. Retrincos, un ollo de vidro, amosa, pola súa banda, unha prosa estilizada e aguda.
Para coñecer máis de preto a súa faceta artística, podemos visitar obras como Castelao pintor, ou o seu Diario 1921, no que temos a oportunidade de acompañar a un novísimo Alfonso Daniel nunha viaxe apaixonante por Francia, Alemaña e Países Baixos, páxinas que cheiran a descuberta do mundo e, sobre todo, da personalidade propia.
Sen dúbida, para coñecer a fondo a súa personalidade e historia, os tomos biográficos de Castelao. Construtor da nación, I, II e III, de Miguel Anxo Seixas Seoane, ou Alfoson R. Castelao. A forxa dun mito, de Henrique Monteagudo, son de obrigada lectura.
A ilustradora Ana Santiso tamén deu voz ao seu famoso Alba de groria, cunhas fermosas ilustracións que acompañan a un dos discursos máis ilustres da nosa historia.
Distribuimos, tamén, libros como Castelao ante la medicina, la envermedad y la muerte, de Ramón Baltar Domínguez, editado por Bibliófilos Gallegos; Galicia en Cuba II. Mariñeiros. Castelao en Cuba. Guerrilleiros, de Xosé Neira Vilas, editado polo Consello da Cultura Galega; Castelao entre nós. 1975-1986, de Lino J. Pazos, editado pola Deputación de Pontevedra, e tamén A nenez galega a través dos anteollos de Castelao, de VVAA. Editado pola Fundación Castelao, distribuimos libros como De viva voz Castelao: Conferencias e discursos ou O centenario de Castelao na lembranza 1986. Editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, distribuimos Castelao e as cruces de pedra e Castelao e o teatro. Escenografías.
En colaboración con Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, o Museo Provincial de Lugo acolle a exposición ‘Sempre en Galiza. 1944-2024’, unha mostra dedicada á obra cume de Castelao e ao seu impacto no pensamento político galego. A exhibición, comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono, presenta unha serie de paneis con textos explicativos, fotografías e debuxos do autor, xunto cunha edición orixinal da obra publicada en Buenos Aires en 1944.
Porque a nosa literatura, a nosa historia e a nosa identidade están vivas nas súas páxinas. Castelao segue connosco. Sempre en Galiza.